Tuesday 15 de September de 2026

Gonzalo Muíños advirte do colapso de tráfico pola “improvisación” nas Rodas e esixe escoitar á comunidade educativa antes do inicio de curso


• O concelleiro Non Adscrito alerta de que desviar cara a Valle-Inclán todo o tráfico cara os Basquiños creará un “embudo monumental”

• Muíños lembra que durante as obras de xullo xa se rexistraron importantes retencións sen actividade escolar e reclama ao goberno local que deixe de xestionar a mobilidade de Santiago “a base de ensaio e erro”

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños advertiu este mércores do risco de colapso que ameaza o norte do casco histórico trala decisión do goberno de Goretti Sanmartín de implantar o sentido único na rúa das Rodas. Muíños esixiu ao Executivo local que escoite de xeito urxente á comunidade educativa, á veciñanza e ao sector do transporte para evitar que o inicio do curso escolar se converta nun auténtico caos de mobilidade na contorna de San Roque.

O concelleiro considera que a situación actual é “a crónica dun colapso anunciado pola improvisación e a falta de planificación” de Raxoi. Neste sentido, lembra que as Non Adscritas xa advertiran dende o primeiro minuto de que a execución deste proxecto sen estudos técnicos rigorosos e sen os informes preceptivos de Tussa e da Policía Local ía xerar graves prexuízos á circulación. De feito, xa naquela altura mantiveran conversas cos conductores dos autobuses urbanos que “nos trasladaran as súas dúbidas ante esta actuación, máis en inverno con autobuses cheos con 70 persoas, calzada mollada e a cidade unha presión de tráfico máis elevada do habitual”.
“A solución do Goberno para tapar as deficiencias da actuación nas Rodas éimpoñer o sentido único, obrigando a que todo o tráfico que tradicionalmente se dirixía cara aos Basquiños por esta vía pase a facelo agora pola rúa Valle-Inclán. Estamos a falar de desviar arredor de 500 pasos de autobuses urbanos e interurbanos diarios xunto a todo o tráfico particular cara a unha rúa na que xa coinciden o Colexio La Salle, o acceso a un aparcadoiro, o CGAC e o Museo do Pobo Galego. Canalizar todo ese fluxo por Valle-Inclán é crear un embudo monumental que, á entrada e saída das clases, vai provocar retencións que chegarán con facilidade ata Concheiros”, sinalou.

Un punto crítico saturado que xa amosou problemas durante as obras de xullo

Muíños considera totalmente xustificado o malestar e a preocupación trasladada pola ANPA do Colexio La Salle, así como polos comerciantes e residentes da contorna de San Roque. Ademais, sinalou as dúbidas técnicas que xera o propio paso elevado executado na rúa das Rodas: “Trátase dun pavimento de pedra nunha rúa cunha pendente moi pronunciada e cun volume moi elevado de tráfico pesado. Todas e todos sabemos como funciona a pedra en Santiago coa choiva, co paso continuo de autobuses cargados e co mantemento deficiente que arrastra a cidade”.
“Durante as semanas de xullo nas que a rúa estivo pechada por obras e operou este mesmo desvío por Valle-Inclán, xa se produciron retencións e momentos de atasco importantes, a pesar de non haber colexio e de rexistrarse unha densidade de tráfico moito menor á habitual. Se funcionou mal en pleno verán, o inicio do curso co tráfico escolar vai ser un desastre se non se actúa a tempo”, afirmou.

Por todo isto, Muíños reclamou ao goberno de Sanmartín que rectifique a súa política de feitos consumados e abra unha canle de diálogo inmediato cos sectores afectados.
“A mobilidade de Santiago non se pode xestionar a base de ensaio e erro nin o goberno de Raxoi pode dedicarse a crear puntos negros onde antes non existían. Esiximos que se sente coa comunidade educativa, coa veciñanza e cos profesionais do transporte para buscar solucións viables antes de que o norte da cidade quede totalmente bloqueado”, concluíu.