A súa estadía durante xullo e agosto posibilitou desfrutar de tempo de ocio e asistencia médica
O Concello de Ribeira despide aos sete nenos e nenas saharauís que pasaron o seu verán no municipio ao abeiro de Vacacións en paz; un programa promovido por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e no que participa a Administración local ribeirense dende 1999. A estadía da rapazada durante os meses de xullo e agosto posibilitoulles desfrutar de tempo de lecer e asistencia médica. María José Gude, Nerea Filgueira, María Elena Lema, Ángeles Lema e Manuel Fernández foron as cinco familias de acollida que participaron neste ano; dúas delas acolleron a dous menores cada unha.
Durante a recepción, a alcaldesa, María Sampedro, ratificou o apoio do Concello a toda a actividade de Sogaps, representada pola súa presidenta, Maite Isla, para fomentar as manifestacións de solidariedade entre os pobos. Sampedro destacou o programa Vacacións en paz como unha “fórmula para axudar a que menores saharauís, refuxiados nos campamentos de Tindouf, poidan pasar dous meses coñecendo outra cultura, desfrutando e xogando en paz, como debe ser, levando a vida que ten que levar un neno: con agarimo, coidados e seguridade. E isto tamén o saben proporcionar as familias ribeirenses que acolleron a esta rapazada durante o verán.
Se ben non son familia de sangue, saben proporcionarlle o que precisan. Quero agradecer a súa solidariedade e ogallá haxa máis persoas que se sumen a este iniciativa no vindeiro ano. As pequenas accións contribúen a cambiar o mundo a mellor e facilitar a vida de moitas persoas.”
Pola súa parte, o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, fixo fincapé en que “estamos falando de dereitos humanos, polo que este Concello non é alleo e, neste programa, colabora coa financiación dos billetes de traslado dende o Sáhara a Galicia, ademais de poñernos a disposición das familias acolledoras de Ribeira en calquera xestión que precisen.” O edil lembrou que a cooperación con Sogaps tamén se manifesta noutras accións como o concerto solidario que se desenvolveu no mes de maio ou o proxecto educativo Abrigo e Acubillo, de sensibilización coa realidade dos campamentos de refuxiados/as saharauís, desenvolvido nos colexios de Artes e Olveira ao longo do pasado curso. “Seguiremos apostando por este programa que conxuga formación, ocio, promover os valores de tolerancia e solidariedade facilitando a convivencia e integración de tódalas persoas na comunidade e evitar a estadía da rapazada nos campamentos durante os meses que rexistran as temperaturas máis altas, de máis de 50º á sombra”, reafirmou Mariño.
A presidenta de Sogaps, Maite Isla, precisou que Ribeira foi dos primeiros concellos galegos en formar parte do programa Vacacións en paz; “Ribeira, de por si, sempre é un concello solidario” como se constata na resposta que dan as familias para acoller aos menores durante a época estival. “As familias acolledoras son a columna vertebral deste programa”, apuntou. A isto engadiu que “non nos pode enorgullecer máis que os pais e nais saharauís confíen en nós o que máis queren: os seus fillos.”
E son unha vintena de nenos e nenas saharauís os que pasan as súas vacación no ámbito comarcal como informou a delegada no Barbanza de Sogaps, Covadonga Rodríguez, quen salientou a colaboración do Concello de Ribeira ao longo de todo o ano como, por exemplo, co referido proxecto educativo Abrigo e Acubillo. “Sentímonos moi arroupados”, indicou.
Finalmente, fixeron entrega á rapazada duns obsequios consistentes en material escolar.
A despedida ao conxunto de menores saharauís que pasou os meses de xullo e agosto en territorio galego celebrarase cunha gran festa no sábado, 29 de agosto, a partir das 19.00 horas, na praza da Igrexa, en Ponteareas.



