Tuesday 15 de September de 2026

A Concellaría de Dereitos Sociais reforza a colaboración con AGADEA e sobe ata máis de 21.000 euros a súa achega á entidade


O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, destinará este ano 21.150 euros á subvención nominativa que recibe AGADEA, a Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer, fronte aos 3.000 euros de anos anteriores. Con este incremento da achega municipal, o departamento que dirixe María Rozas reforza o seu apoio á entidade e a súa colaboración cos programas que desenvolve.

A Xunta de Goberno vén de aprobar o convenio de colaboración entre o Concello e AGADEA, que contempla unha subvención nominativa de 21.150 euros para o desenvolvemento do programa “1. Activa Mente. 2. Corpo Activo”. Tal e como explicou a concelleira de Dereitos Sociais, María Rozas, “este acordo responde ao recoñecemento ao traballo que vén desenvolvendo a Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer, e á nosa vontade de reforzar os programas dirixidos ás persoas maiores de Santiago”.

O programa “1. Activa Mente. 2. Corpo Activo” está dirixido á prevención do deterioro cognitivo grave e a demencia, a través de actividades grupais que procuran a estimulación a nivel cognitivo, motor, funcional e social, traballando cuestións como a atención, a memoria ou a linguaxe. O programa, dirixido a persoas maiores de 55 anos que poden presentar algún deterioro cognitivo leve ou non, desenvólvese na Casa das Asociacións de Benestar Social de Salgueiriños, e nos centros socioculturais do Ensanche, Cancelas, O Eixo, Nemenzo, Figueiras, Lavacolla, Peregrina e Busto.

Outros convenios

O convenio da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais con AGADEA é un dos que recibiron luz verde nas últimas reunións da Xunta de Goberno. Tamén foron aprobados os acordos co centro cultural e social Xoán XXIII para o mantemento do albergue, por un importe de 60.000 euros; e coa Fundación Secretariado Xitano para o desenvolvemento do seu “Programa de inclusión Promociona”, ao que o Concello achega 27.000 euros. A Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Aspas recibirá unha subvención nominativa de 6.000 euros, a Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais terá unha achega municipal de 5.000 euros, e a Fundación Andrea recibirá unha axuda de 3.000 euros.

Tamén quedaron aprobados os convenios entre a UAMI, a Unidade Municipal de Atención ás Migracións, e a Plataforma polo Emprego, que recibirá 21.000 euros; e a Coordinadora Galega de ONGs, que terá unha achega de 19.000 euros.