Tuesday 15 de September de 2026

A II Mostra de Teatro no Mosteiro volverá converter nun escenario o claustro de San Salvador de Bergondo entre o 3 e o 5 de setembro


A Asociación Catro Gatos e o Concello de Bergondo, co apoio da Deputación da Coruña, impulsan a segunda edición deste festival que procura dinamizar o patrimonio a través da cultura e gañar novos espazos para as artes escénicas

Galeatro, Dani Blanco Cía e o grupo amador de teatro da Asociación Catro Gatos conforman o cartel desta segunda edición da mostra

A asociación cultural Catro Gatos e o Concello de Bergondo, co apoio da Deputación da Coruña, organizan entre os días 3 e 5 de setembro a segunda edición da Mostra de Teatro no Mosteiro. A iniciativa, que impulsa esta asociación fundada en 2016, procura estreitar os vínculos entre o patrimonio arquitectónico e as artes vivas, así como dinamizar a través da cultura lugares singulares.
A II Mostra de Teatro no Mosteiro de Bergondo ofrecerá tres espectáculos nesta segunda edición que lle dá continuidade ao encontro celebrado por vez primeira en setembro de 2025. Deste xeito, o xoves 3 actuará a compañía Galeatro con Muiñada, un espectáculo destinado ao público familiar; o venres 4 chegaralle a quenda ao grupo teatral da propia Asociación Catro Gatos que representará a obra Encrobas, nunha xornada ideada para o teatro amador, e xa o sábado 5, porá o ramo a esta segunda edición Dani Blanco Cía coa súa montaxe Absurdia para o público adulto.
A entrada para as tres citas, que están fixadas para as 21.00 h, serán gratuítas e libres até completar as 150 localidades que se habilitarán no claustro do mosteiro de San Salvador.
A asociación
A Asociación Cultural Catro Gatos naceu en 2016 vencellada ao Centro Público Integrado (CPI) de Cruz do Sar, de Bergondo, onde os intérpretes Tone Martínez e Alba Bermúdez se encargan dende aquela dos obradoiros de teatro para o alumnado. A raíz desta primeira actividade formativa, medrou o interese nas artes escénicas na comunidade educativa. Un interese que se canalizou na constitución deste asociación cultural que mantén o seu propio grupo de teatro amador con integrantes de idades que van dende os 26 aos 65 anos. A Asociación Cultural Catro Gatos, entre outras iniciativas, desenvolve cursos de teatro para todas as idades, organiza o Maratón Teatral no que se amosa a actividade anual do grupo de teatro e promove o ciclo Marusía Escénica, no que participan agrupacións amadoras dos municipios de Carballo, Cambre, Sada, Bergondo e Oleiros.
Ben de Interese Cultural
O festival terá o seu epicentro no claustro do Mosteiro de San Salvador, un dos exemplos máis salientables da evolución do románico tanto na comarca das Mariñas coma no conxunto do territorio galego. O ano da súa fundación é incerto, aínda que se sitúa como moi tarde no século XI ao constar referencias documentais de 1138. Pertenceu á orde beneditina e tivo unha época de esplendor entre os séculos XII e XIV, acadando grande influencia na contorna betanceira.
O conxunto arquitectónico padeceu diferentes vicisitudes até chegar aos nosos días, así como distintas intervencións. En 1338 sufriu un incendio, tralo que se practicou unha reforma con achegas góticas, a partir do século XVII entrou en decadencia rozando o case total abandono no século XIX e un raio destruíu en 1959 a súa fachada occidental. En 1973 foi declarado Monumento Histórico-Artístico, antecedente do actual estatus de Ben de Interese Cultural e principiou a súa recuperación.