A formación nacionalista advirte de que os problemas de presión afectan a máis zonas de Cabanas, alerta de episodios de turbidez e denuncia a falta de resposta ante os problemas en pozos e traídas privadas
O BNG cuestiona tamén o papel que está a desempeñar o depósito de Pedra do Couto e reclama ao goberno municipal que explique con datos o seu funcionamento e a súa achega efectiva á rede
O BNG de Cabanas considera “insuficiente e pouco convincente” a explicación ofrecida polo alcalde, Fernando Couce, sobre os cortes de auga que durante o pasado fin de semana deixaron sen subministración durante dous días varios pisos dos edificios máis altos do municipio.
A formación nacionalista considera que reducir o problema a un “pico de consumo” non responde ás dificultades que se están rexistrando durante este verán en diferentes puntos de Cabanas, onde se están producido problemas de baixa presión e diversos episodios de turbidez na auga.
O portavoz municipal do BNG, Iago Varela, considera especialmente preocupante que o propio alcalde recoñeza que a situación pode volver repetirse. “Se despois de tres anos de goberno seguimos tendo problemas de abastecemento e a resposta do alcalde é que poden volver producirse cada vez que haxa un pico de demanda, o que temos non é unha solución, senón unha advertencia de que o problema continúa”, sinala.
Un problema que vai máis aló de dous edificios
A formación nacionalista considera necesario evitar que o debate quede reducido aos edificios afectados durante a fin de semana.
“Os problemas de presión non se limitan aos dous edificios dos que se está falando estes días. Temos constancia de dificultades en diferentes zonas do concello, ademais dos diversos episodios de turbidez que se produciron ao longo deste verán”, sinala o portavoz do BNG.
Varela engade que tamén están chegando ao BNG queixas relacionadas con problemas en pozos e traídas particulares, que afectan a veciños e veciñas de diferentes puntos do municipio e ante as que, segundo denuncia, “o Concello tampouco está a ofrecer unha resposta á altura das necesidades da veciñanza”.
O BNG considera que, aínda que se trate de sistemas de abastecemento privados e as responsabilidades da Administración poidan ser diferentes en cada caso, “o Concello non pode limitarse a mirar para outro lado cando os seus veciños trasladan problemas relacionados coa auga”. “Hai casos nos que o que se reclama é información, orientación ou simplemente unha resposta municipal, e non se está producindo”, afirma Varela.
Para a formación nacionalista, todas estas situacións evidencian as limitacións dun modelo de abastecemento que “non está preparado para responder adecuadamente aos períodos de maior demanda e que se ve especialmente exposto nun contexto de secas e cambio climático”.
“Non podemos asumir como normal que no verán a veciñanza teña que estar pendente de se hai presión suficiente, de se vai volver faltar auga ou de que solución lle queda cando o seu pozo ou a súa traída presentan problemas”, engade.
O depósito de Pedra do Couto non pode ser a solución que se prometeu
O BNG reclama ademais que o Goberno municipal aclare con precisión cal é a situación actual do depósito de Pedra do Couto e que papel está desempeñando realmente no abastecemento do municipio.
Varela lembra que o actual goberno municipal presentou as actuacións de mantemento como unha peza importante para garantir o abastecemento, especialmente pensando na extensión da rede a Laraxe.
“Agora o alcalde dinos que o depósito se vai esgotando porque a demanda supera a capacidade de recuperación. Se isto é así, hai que explicar con claridade que capacidade efectiva está achegando á rede, en que condicións está funcionando e que solución ofrece realmente para aumentar o abastecemento”, afirma.
Para o BNG, a cuestión é especialmente relevante porque o goberno municipal ten defendido en numerosas ocasións a capacidade desta infraestrutura para permitir ampliar a rede de abastecemento.
“Se o sistema actual ten dificultades para garantir a subministración nos momentos de maior demanda, resulta difícil entender como se pretende ampliar esa mesma rede a máis núcleos e incorporar novos consumos sen abordar antes o problema de fondo”, apunta Varela.
Unha solución comarcal para un problema que vai a máis
Ante esta situación, o BNG defende avanzar nunha solución supramunicipal para o abastecemento de auga, que permita afrontar o problema con visión de futuro e dar resposta ás necesidades dos diferentes concellos da comarca.
A proposta nacionalista pasa pola construción dunha nova captación e dunha condución de auga por gravidade desde a cunca do Eume, creando unha infraestrutura capaz de garantir un abastecemento máis robusto e resiliente para Cabanas e para o conxunto da comarca.
“Estamos falando dunha solución que pode beneficiar non só a Cabanas, senón tamén á Capela, Fene, Neda, Ares e Mugardos, e que permitiría afrontar conxuntamente un problema que vai ser cada vez máis importante”, explica Varela.
O BNG considera ademais que garantir un sistema de abastecemento suficiente e estable é unha condición fundamental para o futuro desenvolvemento urbanístico de Cabanas, xa que a capacidade das redes e a dispoñibilidade de recursos hídricos son elementos imprescindibles para poder avanzar na ordenación do territorio.
“Cabanas non pode limitarse a parchear a rede cada verán. Necesitamos planificación, novas infraestruturas e unha solución que teña en conta as necesidades das próximas décadas. Dicir que este ano houbo un pico de consumo e que o problema pode volver pasar é simplemente constatar que non temos o problema resolto”, conclúe Varela.



