Friday 22 de November de 2024

Mato aposta por consolidar unha economía circular e baixa en carbono para avanzar cara unha sociedade sostible


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou hoxe o CEIP de Vedra, que acolle o xogo “Un partido polo planeta”, promovido por Sogama con motivo da conmemoración mañá do Día mundial da reciclaxe

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, apostou hoxe por consolidar unha economía baixa en carbono, que free os efectos do cambio climático; e circular, cun aproveitamento eficiente dos recursos. O obxectivo é continuar avanzando cara unha sociedade sostible na que se poida garantir que as xeracións futuras “teñan as mesmas oportunidades”.

Así o destacou a titular deste departamento autonómico durante a súa visita ao CEIP de Vedra, que acolle actualmente o xogo de Sogama “Un partido polo planeta”. Neste sentido, e con motivo da conmemoración mañá do Día mundial da reciclaxe, apuntou que é preciso poñer de novo en valor a “relación directa” que existe entre reciclaxe e sostibilidade.

Ao respecto, recordou que a reciclaxe forma parte das coñecidas como “catro erres”: reducir, reutilizar, reciclar e recuperar. Aplicándoas correctamente, desviarase ao vertedoiro –“a última das opcións na xestión do lixo”- só aqueles residuos que non poidan ser nin reutilizados, nin recuperados nin reciclados. De feito, Sogama envía actualmente a vertedoiro 230.000 toneladas menos que en 2008.

Con todo, Mato insistiu en que implantar unha economía circular require do esforzo de toda a sociedade, e non só das administracións. De aí que teñan especial importancia iniciativas como a que se está levando a cabo no CEIP de Vedra, na que se ensina aos máis pequenos a importancia de non xerar máis residuos; as vantaxes de separar o lixo; e os recursos existentes, como a rede de 147 puntos limpos nos que hai que deixar os residuos de características especiais.

Para conseguir estes obxectivos, desde a Consellería e desde Sogama estanse a impulsar diversas actividades destinadas a escolares. Entre elas, Mato citou precisamente o xogo “Un partido polo planeta”, deseñado para estudantes de primaria. Os nenos e nenas deben tratar de marcar goles nun taboleiro de grandes dimensións que recrea un campo de fútbol, pero só poden avanzar se superan probas nas que demostran os seus coñecementos sobre residuos.

Tamén está en marcha programa “Recíclate con Sogama”, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que ensina aos máis pequenos a xestionar os residuos urbanos de forma sostible; ou a plataforma educativa www.cadernoverde.com, unha web que achega recursos didácticos sobre o medio ambiente para que os profesores os poidan utilizar nas aulas.

Mato tamén puxo en valor o programa de visitas ás instalacións de Sogama, no que os escolares teñen unha ampla presenza, pero que tamén está dirixido a universitarios e adultos. Ata o momento, preto de 70.000 persoas téñense achegado ao complexo ambiental de Cerceda desde o inicio da súa actividade.

A conselleira avanzou, ademais, que se porá en marcha nunhas semanas unha nova edición da campaña “separemos ben, reciclaremos mellor”, na que se visitarán centros escolares, asociacións, eventos deportivos e disporase dunha aula móbil. O obxectivo é concienciar da importancia da separación de residuos para a eficiencia da reciclaxe e mellorar, así, os resultados da recollida selectiva en Galicia.

En definitiva, o “máis importante”, rematou Mato, é aprender que “con pequenos xestos podemos facer da economía circular e da sostibilidade unha forma de vida”.