A función celebrarase este xoves ás 20:30 horas nos Subarreiros
O Concello de Neda despedirá este xoves ao grande “Miúdo verán”, o proxecto cultural e de lecer con espectáculos ao aire libre que programa cada ano en distintas localizacións do municipio. A compañía “Sempre arriba” porá o broche de ouro á edición 2026 co seu laureado espectáculo “Hoxe, si!”. Será este xoves ás 20:30 horas nos Subarreiros. Iso si, en caso de chuvia, a actividade trasladaríase ao pavillón do IES Fernando Esquío -do que se daría conta na mesma xornada-.
Trátase dun espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea, e sobre todo,moito humor, no que con toques de nostalxia cómica, a compañía interactúa de maneira directa co público, convidándoo a ser partícipe desta Festa do Hoxe Si! Elixido o mellor espectáculo de rúa do 2025 pola Asociación Profesional de Circo de Galicia, veciños e visitantes poderán desfrutar en Neda dunha proposta desenfadada ambientada nos 80, que se converte nunha auténtica invitación a xogar, e a vivir celebrando o momento presente.
O ciclo municipal contou nesta última edición co apoio da Xunta de Galicia, a través do AGADIC, no marco das accións para dinamizar as localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas.



