Sunday 13 de September de 2026

Gonzalo Muíños cuestiona os “anuncios precipitados” do executivo de Sanmartín tralo recurso ao novo contrato de transporte urbano


• O concelleiro Non Adscrito critica que o Executivo anunciase a adxudicación inmediata do servizo e uns prazos “totalmente seguros e pechados” e agora garde silencio ante a paralización do proceso

• Muíños alerta de que o mesmo “triunfalismo e precipitación” que xa se viu con Fly2Galicia se repite cun contrato fundamental para a cidade, mentres o Goberno utiliza a taxa turística para anunciar asfaltados de mantemento

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños esixiu ao goberno de Goretti Sanmartín que explique “con total transparencia” en que punto se atopa o procedemento de adxudicación do novo servizo de transporte urbano despois do recurso presentado ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGAL), así como o impacto real que esta situación pode ter sobre os prazos anunciados polo Executivo.

Muíños considera que o Goberno local “volve caer no mesmo erro de sempre”: actuar “con triunfalismo e precipitación cando hai que facer a foto” e responder “con silencio e ocultismo cando xorden os atrancos de xestión”. Neste sentido, lembra que o Executivo compareceu publicamente para anunciar a adxudicación inmediata do novo servizo, presentou a nova marca de mobilidade Stela e trasladou á cidadanía uns prazos que daba “por totalmente seguros e pechados”.

“Desde o noso grupo sempre nos alegramos de cada avance que se poida dar nun servizo fundamental como é o transporte urbano, pero tamén advertimos desde o primeiro momento de que había que actuar con prudencia. Sabemos perfectamente o complexos que son estes contratos e os riscos de dar pasos en falso”, sinalou.

Un contrato fundamental que agora afronta un novo recurso

O concelleiro considera especialmente preocupante que, despois da presentación pública do novo modelo de mobilidade e dos anuncios realizados polo Goberno local, a aparición dun recurso ante o TACGAL non fose acompañada de información suficiente á cidadanía sobre a situación na que queda o procedemento.

“Volvemos ver o mesmo guión que sufrimos co caso de Fly2Galicia: anuncios precipitados e triunfalistas sen ter os procesos totalmente amarrados e seguros. Cando se trata de anunciar asfaltados ou presentar logotipos saen todos a bombo e platillo; pero cando o procedemento sofre un revés e o contrato máis importante da cidade enfronta un recurso no TACGAL, o goberno cala e agóchase”, criticou.

Muíños reclama ao Executivo que informe de maneira inmediata sobre o estado concreto da tramitación, os efectos que pode ter o recurso e se os prazos anunciados inicialmente continúan sendo viables.

“Non se pode gobernar a golpe de anuncios kamikazes e logo gardar silencio cando a realidade desmente a propaganda. A veciñanza ten dereito a saber se os prazos que se anunciaron seguen en pé, que consecuencias pode ter o recurso e cal é o escenario que manexa o Goberno”, afirmou.
En calquera caso, Muíños confía en que este procedemento poida avanzar e desbloquearse canto antes e con todas as garantías. “Desexamos que este recurso se resolva canto antes e co menor impacto posible, porque os barrios e o rural levan demasiado tempo sufrindo un transporte público en precario, con continuas avarías e frecuencias insuficientes”, sinalou.

Neste sentido, Muíños considera que precisamente pola importancia do contrato o Goberno debería extremar a prudencia e a transparencia. “Santiago merece xestores con rigor, non con présas publicitarias”, resumiu.

Por iso, as concelleiras Non Adscritas reclaman ao Goberno de Sanmartín e ao concelleiro de Mobilidade que expliquen en que punto está o procedemento no TACGAL, que efectos ten o recurso sobre a adxudicación, cales son os novos prazos que manexa o Concello e que medidas se están adoptando para evitar que a situación repercuta na prestación do servizo.

Muíños cuestiona o uso da taxa turística para financiar asfaltados

Por outra banda, Gonzalo Muíños criticou o anuncio realizado polo Goberno local sobre o financiamento con cargo á taxa turística do asfaltado de tres rúas. O concelleiro lembra que as concelleiras Non Adscritas apoiaron “desde o primeiro minuto” a posta en marcha deste tributo porque Compostela precisa que a actividade turística achegue recursos para compensar os sobrecustos que xera na cidade.

“Pero o que non imos avalar é o uso propagandístico e ridículo que o Goberno de Goretti Sanmartín pretende facer agora desta taxa”, afirmou.

Muíños considera especialmente cuestionable que se presente como un logro vinculado á taxa turística o financiamento de actuacións ordinarias de mantemento das vías públicas. Ademais, lembra que o Foro de Turismo, órgano chamado a participar na definición do destino dos recursos e no que están representados o sector e as asociacións veciñais, “nin sequera acordou nada nin tivo voz sobre esta actuación”.

“O que está facendo o Executivo local é unha trampa contable: coller o diñeiro que entra como ingreso corrente na caixa común do Concello e poñerlle unha etiqueta artificial de ‘taxa turística’ a unhas obras menores de mantemento”, denunciou.

“A taxa turística naceu para desenvolver proxectos estratéxicos, reforzar a limpeza e mantemento e compensar a calidade de vida dos barrios que sofren a presión turística; non para converterse na caixa de peto coa que tapar fochancas e fabricar titulares ante a falta de xestión”, concluíu.