• A concelleira Non Adscrita cuestiona que o goberno pase de presumir de “meses de traballo intenso” para facer posible a chegada da operadora a negar agora calquera responsabilidade ou coñecemento sobre a súa estrutura.
• Rosón reclama coñecer que garantías analizou o Concello ante unha operativa que prevé numerosas conexións desde Santiago cun único avión de 18 anos de antigüidade.
A concelleira non adscrita Mercedes Rosón considera que o “exercicio de cinismo” do Goberno de Goretti Sanmartín co caso Fly2Galicia “supera todos os límites” e esixe explicacións inmediatas sobre o papel desempeñado por Turismo de Santiago e Incolsa na chegada da operadora a Lavacolla.
Rosón cuestiona especialmente o cambio de discurso do Goberno local, despois de que a alcaldesa asegurase agora que non se lle deu nin se lle dará “un euro” á compañía. A concelleira lembra que, ata o de agora, a propia concelleira de Turismo e o Executivo municipal presumiran publicamente de levar “meses de traballo intenso” desde Incolsa para facer posible a chegada de Fly2Galicia.
“Despois de meses de xestións, agora pretenden facernos crer que non sabían quen poñía os avións, quen estaba detrás do capital nin que vínculos tiñan? En serio?”, cuestiona Rosón. “Ou non traballaron absolutamente nada e avalaron a cegas unha aventura opaca, ou sabíano todo e calaron ata que a prensa destapou a trama. Ou simplemente mentiron e enganaron á cidadanía. Calquera das tres opcións é dunha neglixencia política inaceptable”, afirma.
“Tiveron que vir os xornalistas facer a auditoría que o Concello non fixo”
As Non Adscritas consideran especialmente grave que fosen as informacións publicadas nos últimos días as que puxesen sobre a mesa interrogantes sobre a solvencia e capacidade operativa da compañía, cuestións que, ao seu xuízo, deberían ter sido analizadas polo Concello antes de implicarse na promoción da operativa.
“Despois deses supostos meses de xestións, tiveron que vir os xornalistas a facer a auditoría que o Concello non fixo”, sinala Rosón. Entre os elementos que considera necesario aclarar sitúa o capital social da empresa, a situación económica do seu promotor, a capacidade real para operar o mapa de conexións anunciado e o feito de que a planificación dependa dun único avión.
A concelleira advirte de que a operativa anunciada prevé un amplo número de conexións desde Santiago e considera imprescindible coñecer que garantías existen para que poidan manterse no tempo.
“Estamos falando de familias e pasaxeiros que xa están a mercar billetes. Que garantías reais teñen? Quen vai responder cando ese único avión teña unha avaría ou cando a compañía non poida soster a operativa e deixe á xente tirada en Lavacolla?”, pregunta.
Para Rosón, o Concello “non pode actuar como escaparate nin avalista dunha aventura empresarial con pés de barro e sen solvencia técnica nin financeira”. Por iso, reclama que se fagan públicos os informes, actas de reunión, contactos, convenios e calquera outra documentación que permita coñecer que análise realizou o Goberno local antes de apoiar publicamente o proxecto.
Os vínculos con Israel e o novo cambio de posición do BNG
Rosón considera igualmente necesario que o Goberno de Sanmartín dea explicacións sobre os vínculos da operativa con compañías, capital e redes relacionadas con Israel, especialmente despois de que o propio BNG anunciase agora que levará o asunto ao Congreso dos Deputados.
“É o colmo do despropósito que o BNG corra agora ao Congreso a pedir investigacións en Madrid para desviar a atención e tapar a súa propia incompetencia en Santiago”, critica.
A concelleira considera incoherente que o Goberno municipal intente presentar agora o asunto como unha cuestión allea á súa responsabilidade despois de ter defendido durante semanas a súa implicación para facer posible a chegada da operadora.
“Non se pode impulsar e avalar un proxecto desde os despachos de Raxoi e, cando estoura o escándalo, disfrazarse de oposición indignada”, sinala Rosón. “Se agora o BNG considera que hai que investigar os vínculos desta operativa, o primeiro que debería facer é explicar que coñecía o Goberno de Santiago, que información manexou e por que decidiu apoiar o proxecto”.
Neste sentido, considera especialmente relevante a contradición entre o discurso público do BNG e a súa actuación desde o Goberno municipal. “Non vale con levar o asunto a Madrid para pedir explicacións. As primeiras explicacións teñen que darse aquí, en Santiago, porque aquí foi onde o Goberno municipal presumiu de traballar durante meses para que esta operativa fose unha realidade”, afirma.
“Menos teatro e máis transparencia”
Rosón reclama finalmente á alcaldesa e á concelleira de Turismo que poñan toda a documentación enriba da mesa e expliquen de maneira inmediata cal foi a implicación real de Incolsa e do Concello na chegada de Fly2Galicia.
“Menos teatro e escusas fóra de Galicia. Quen ten que poñer os informes, as actas de reunión e os convenios enriba da mesa de xeito inmediato é o Goberno de Goretti Sanmartín, aquí, diante dos veciños e veciñas de Santiago”, conclúe.
A concelleira non adscrita insiste así na necesidade de esclarecer que xestións realizou Incolsa durante eses meses de traballo, con quen se reuniu, que información solicitou á operadora, que garantías se analizaron, que documentación obra en poder do Concello e cal foi exactamente o apoio prestado para facer posible a chegada de Fly2Galicia.

