O alcalde asinou onte a adxudicación da xestión do novo servizo, que arrancará con 11 nenos e nenas xa admitidos e cunha empresa profesional seleccionada pola oferta máis vantaxosa para o Concello
O Concello de Laxe dá un paso definitivo para a posta en marcha do seu novo Punto de Atención á Infancia (PAI). O alcalde, Paco Charlín, asinou este venres a resolución de adxudicación do contrato da empresa que se fará cargo da xestión do servizo, que comezará a funcionar no mes de setembro.
Trátase dun novo servizo que o goberno municipal conseguiu poñer en marcha, unha vez acondicionado e preparado o local no que se desenvolverá a actividade.
O PAI iniciará ademais a súa andaina cunha importante resposta por parte das familias: 11 nenos e nenas xa foron admitidos, tal e como se fixo público hoxe mesmo a través da páxina web do Concello de Laxe.
A xestión do servizo foi adxudicada á empresa SENES CIT, S.L., unha firma especializada que presentou a proposta considerada máis vantaxosa para o Concello, tanto desde o punto de vista económico como pola súa proposta educativa e organizativa.
O alcalde destaca que a adxudicación permite combinar dous obxectivos fundamentais: garantir a profesionalidade e a calidade do PAI e, ao mesmo tempo, facer unha utilización responsable e eficiente dos recursos públicos.
“Conseguimos unha empresa profesional para prestar un servizo que consideramos fundamental para as familias e fixémolo coa oferta máis vantaxosa. Aforrar non significa reducir a calidade: significa xestionar ben, porque os recursos que non é necesario gastar aquí poderán empregarse noutras melloras e servizos para Laxe”, sinala Paco Charlín.
Desde o goberno municipal sublíñase que a posta en funcionamento do PAI constitúe tamén unha resposta con feitos ás críticas e protestas que acompañaron o proceso durante os últimos meses.
“Mentres algúns se dedican á crítica permanente, nós preferimos responder con traballo, xestión e resultados. O importante é que o PAI está preparado, a empresa está adxudicada, hai xa 11 nenos e nenas admitidos e en setembro o servizo estará funcionando”, afirma Charlín.
O rexedor destaca especialmente a rapidez coa que se desenvolveu todo o procedemento unha vez preparado o espazo: “Había un compromiso coas familias de Laxe e estamos cumpríndoo. O mellor xeito de demostrar o bo facer dun goberno é que os proxectos deixen de ser promesas e se convertan en realidades”.
A creación do PAI supón un novo avance nos servizos municipais de conciliación e atención á infancia, facilitando ás familias de Laxe a compatibilidade da vida laboral e familiar e ampliando os recursos públicos dispoñibles no municipio.
“En setembro Laxe terá un novo servizo funcionando. Esa é a realidade e ese é o resultado do traballo realizado”, conclúe o alcalde, Paco Charlín.


