O novo contrato terá unha duración inicial de dous anos e permitirá actuar durante todo o ano en zonas municipais e de uso público
Nestes momentos están en execución os traballos correspondentes aos contratos de roza e mantemento de vías municipais
O Concello de Carballo ten en licitación un novo contrato para a realización de traballos preventivos de roza en espazos urbanos e de uso público, destinados á prevención e defensa contra os incendios forestais. O prazo para a presentación de ofertas rematará o 15 de setembro.
O contrato conta cun orzamento base de licitación de 147.511,64 euros ao ano. A duración inicial será de dous anos, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais. O obxecto é a realización de traballos de roza mecanizada e manual nos espazos urbanos municipais e de uso público de todo o termo municipal, cunha previsión de 1.500 horas de traballo efectivo con maquinaria e 350 horas de traballo manual.
As actuacións incluirán a roza, limpeza e retirada dos restos, tanto por medios mecánicos como manuais, co obxectivo de eliminar a biomasa existente e contribuír á prevención de incendios.
Entre as zonas nas que se poderá actuar figuran o paseo fluvial do Anllóns e as parcelas anexas, a contorna do cemiterio municipal, os aparcadoiros das praias, o circuíto de motor, a Ruta das Férvedas, as zonas verdes, vías e parcelas do polígono industrial de Bértoa, as parcelas urbanas municipais, os campos da festa parroquiais e os baldíos en solo rústico, ademais doutros espazos de uso público nos que o Concello considere necesario intervir.
O prego establece que os traballos se executarán ao longo de todo o ano natural e, como mínimo, tres veces en cada unha das zonas previstas, e que a primeira actuación deberá realizarse antes do 31 de maio.
En marcha os traballos de roza e bacheo
Por outra banda, xa están moi avanzadas as tarefas anuais de roza da rede viaria municipal, tanto por parte do persoal municipal coma da empresa contratada para complementar eses traballos. Nestes momentos as máquinas están a traballar na parroquia de Sísamo, e despois actuarán en Bértoa, Ardaña e nas zonas altas de Rus e Entrecruces, coas que se completará a programación prevista.
En paralelo, tamén continúan os traballos de conservación, mantemento e reparación das vías municipais a cargo da empresa Vázquez y Reino, que tamén está a bachear na parroquia de Sísamo. A programación continuará por Goiáns, Oza, Bértoa e a zona costeira.



