Sunday 13 de September de 2026

Goretti Sanmartín visita as obras de asfaltado da rúa Doutor Teixeiro e salienta o impacto positivo do imposto ás estadías turísticas


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei, e o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, canda o Xefe de Servizo de Obras e Proxectos, Antonio Ranedo, visitaron esta mañá os traballos de asfaltado que están a desenvolverse na rúa Doutor Teixeiro.

Esta intervención insírese na nova fase de rexeneración de pavimentos na cidade e no rural, que se desenvolve durante o mes de agosto aproveitando o menor volume de tráfico.

A actuación sobre a rúa Doutor Teixeiro, xunto coa que se levará a cabo, en próximas datas, na rúa Sempre en Galicia, son actuacións que se financian a través do recadado co imposto ás estadías turísticas que o Concello puxo en marcha a finais de 2025 e que ata comezos do mes de agosto permitiu recadar 1.759.452 euros. Os traballos nestas rúas supoñen un investimento próximo aos 100.000 euros.

“O imposto de estadías turísticas xa axudou a financiar cuestións coma os Xogos do Eixo Atlántico ou o videomapping nas Festas do Apóstolo”, lembrou a alcaldesa, indicando que estas obras permiten destinalo a outras “actuacións tamén moi relevantes para a veciñanza de Santiago”.

“É unha moi boa noticia ver estas obras avanzar con tanta celeridade”, acrecentou, comprobando o bo ritmo dos traballos, logo de que onte se procedese ao fresado de toda a vía e hoxe se aplique a capa de asfalto. Os traballos rematarán a semana que vén co pintado do vial para repor a sinaléctica. A alcaldesa sinalou que esta intervención permitirá que a veciñanza poida utilizar esta rúa “nun estado moitísimo mellor” para o uso de peóns e vehículos.

“Todas estas actuacións son absolutamente necesarias, e escolleuse este momento do mes de agosto porque é o que ten menos tráfico e afluencia de persoas”, indicou Sanmartín Rei, recordando o carácter “imprescindible” da intervención.

A esta intervención súmanse os importantes traballos de mantemento do pavimento na rúa da Fonte de Santo Antonio. Estas obras de asfaltado no Ensanche compleméntanse coas que comezaron o pasado luns nos lugares de Bar de Arriba, Bar de Abaixo e rúa dos Asidros, que permiten tamén rexenerar o pavimento nesta zona rural.

Continuidade con outras intervencións de rexeneración de pavimentos

As obras que se levan a cabo actualmente únense a un amplo programa de intervencións para mellorar e reparar os viais do municipio que comezou despois dun inverno especialmente rigoroso. Na última semana deron remate as actuacións de pavimentación e construción dunha senda peonil na rúa do San Martiño de Aríns, ademais das que tiveron lugar na rúa Agro dos Mozos e mais na Vía de la Cierva, alén da rúa Amor Ruibal.

O Concello de Santiago traballa actualmente, lembrou a alcaldesa, na programación da seguinte fase de pavimentación. Esta abranguerá, novamente, tanto a zona urbana como a rural.

Nesta última zona van executarse nos vindeiros meses os proxectos incluídos no POS Adicional 2025 e POS 2026. Estes inclúen a rexeneración e mellora do pavimento en varias parroquias. No que se refire ao ámbito urbano compostelán, estanse a realizar os estudos para a campaña de asfaltados integrais.