A formación nacionalista recolle as numerosas queixas veciñais chegadas durante todo o verán por contedores desbordados, sucidade acumulada e falta de limpeza e desinfección
O BNG faise eco das numerosas queixas que veciñas e veciños do municipio que veñen trasladando ao longo do verán a situación que presenta o servizo de recollida de lixo e limpeza. A formación nacionalista denuncia o «caos absoluto» que se está vivindo tanto no núcleo urbano como en diferentes parroquias, onde, segundo explican, «é habitual atopar contedores que rebordan e desprenden cheiros durante días ou zonas con pavimentos e beirarrúas que acumulan sucidade durante semanas sen recibir unha limpeza axeitada».
Desde o BNG sinalan que esta situación afecta a diferentes puntos do municipio e mencionan, entre outros, casos detectados en parroquias como Corrubedo, Palmeira ou Aguiño, onde se están producindo episodios de contedores completamente desbordados sen que a recollida se realice coa frecuencia necesaria.
O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, subliña que «non se trata de negar os problemas que este servizo xa presentaba anteriormente». O BNG lembra que o actual contrato de recollida de lixo e limpeza que arrastra “importantes eivas derivadas dunha deficiente planificación no momento da súa contratación no ano 2014, xa que o Partido Popular non queixo mellorar as prestacións e agora temos estas consecuencias que sufrimos todos os veciños e veciñas”.
Pérez Barral informou que “cando estivemos no Goberno tamén eramos conscientes das limitacións existentes e de que era necesario seguir mellorando o servizo. Non vimos agora dicir que todo estaba perfecto”, explicou. “Nós conseguimos mellorar os resultados e ofrecer un mellor servizo á veciñanza grazas a esforzarnos e a garantir unha maior planificación e organización do traballo e unha atención continuada ás necesidades de cada zona”.
Hai que gobernar, planificar e resolver problemas
O BNG lamenta que o actual Goberno municipal estea máis preocupado pola imaxe e pola presenza en actos que por atender os problemas cotiáns da veciñanza. Neste sentido, consideran que o executivo de María Sampedro “está demostrando a súa incapacidade para planificar e dar resposta a cuestións tan básicas como garantir que os residuos sexan recollidos e que as rúas e espazos públicos estean en condicións axeitadas logo de eventos multitudinarios e mesmo incluso en días de semana”.
O portavoz nacionalista tamén cuestiona a redución dos traballos de desinfección e das limpezas en profundidade. “Non poden botar a culpa á seca cando sabemos que se reduciron actuacións de limpeza en profundidade que eran especialmente necesarias despois de eventos multitudinarios”, sinalan, en referencia a celebracións como as Festas de Ribeira, a Festa da Dorna, Artemar ou as diferentes festas parroquiais. “Despois dos eventos que congregan a miles de persoas é necesario planificar reforzos e realizar limpezas en profundidade como faciamos cando nós estabamos á fronte da Alcaldía para recuperar canto antes a normalidade nos espazos públicos. Hoxe botamos en falta esa planificación e esa capacidade de organización”, apuntou Pérez Barral.
Para o BNG, non abonda con asistir aos actos e facer fotos: hai que gobernar, traballar e resolver os problemas reais da veciñanza. “Ribeira merece un Goberno municipal á altura das circunstancias, que atenda as demandas da cidadanía e traballe cada día para mellorar a súa calidade de vida”, engade.
Impulso á compostaxe para reducir custos
Por outra banda, a concelleira do BNG Antía Alberte chamou a atención sobre a falta de medidas por parte do Goberno municipal para impulsar a recollida separada da fracción orgánica (contedor marrón) e fomentar a compostaxe.
Alberte considera necesario desenvolver campañas de información, sensibilización e educación ambiental que animen á veciñanza a utilizar correctamente o contedor marrón.
“Non é só unha cuestión ambiental. Unha correcta separación dos residuos tamén ten consecuencias económicas directas para o Concello e, polo tanto, para o conxunto da veciñanza”, explicou.
A concelleira nacionalista advertiu de que os residuos depositados na fracción resto (contedor verde) teñen un custo de tratamento máis elevado dende que o PP a través de Sogama subira o prezo por tonelada que lle cobra aos concellos por recoller os residuos. Segundo informou a edil, aumentar a correcta separación da materia orgánica permitiría reducir a cantidade de residuos enviados a tratamento e contribuiría a conter o gasto municipal.
“O noso obxectivo ten que ser sempre aproveitar mellor os recursos públicos: pagar menos polo tratamento dos residuos cando é posible e destinar eses recursos a mellorar os servizos que recibe a veciñanza. Non está sendo así xa que este ano vimos como se aprobou un orzamento que deriva máis gasto a pagar as subas de recollida de lixo para enviar os residuos a Sogama que aprobou o PP e iso implica menos cartos para dedicar ao que nos demanda a veciñanza que é a mellorar o servizo”, sinalou Alberte.
Por este motivo, o BNG reclama ao Goberno municipal que poña en marcha campañas de promoción e sensibilización sobre a compostaxe e a correcta utilización do contedor marrón, acompañadas das medidas necesarias para facilitar a participación da cidadanía.
O BNG disposto a aprobar melloras no servizo
O BNG de Ribeira continuará recollendo as incidencias e demandas que lle traslade a veciñanza e esixe ao Goberno municipal que deixe de estar de brazos cruzados e se poña a traballar para solucionar esta situación. “Os veciños e veciñas de Ribeira teñen dereito a uns servizos públicos que funcionen. Non se pode normalizar que os contedores reborden durante días, que a sucidade se acumule nas rúas ou que non se realicen as tarefas de limpeza e desinfección necesarias”, conclúe Pérez Barral.
“Desde o BNG queremos facer unha oposición útil, que escoite á veciñanza e leve as súas demandas ao Concello. Sabemos que hai problemas que veñen de atrás e que precisan solucións de fondo, pero tamén sabemos que con planificación, organización e traballo é posible mellorar os servizos públicos. Por iso imos seguir estando nas rúas, nas parroquias e ao lado da veciñanza, achegando propostas e esixindo que Ribeira funcione cada día mellor”, sinala Luís Pérez Barral.



