Sunday 13 de September de 2026

Alternativa destaca que as gradas dos Capelos parten dun proxecto redactado e xestionado durante o seu mandato


Alternativa dos Veciños de Carral (AV Carral) celebra a concesión da axuda do Fondo de Cooperación Local que permitirá facer realidade as gradas do campo de fútbol dos Capelos.

Desde AV Carral queremos deixar claro que o proxecto foi redactado e xestionado durante o mandato de Alternativa dos Veciños, baixo a Alcaldía de Javier Gestal, como parte do traballo realizado para mellorar as instalacións deportivas municipais.

Finalmente, o equipo de Goberno do PP utilizou o traballo realizado por AV Carral e deu continuidade ao proxecto xa redactado, sen modificar un só punto do mesmo.

“Sempre tivemos claro que este era o camiño e que o proxecto que deixamos preparado era a mellor opción para que as gradas dos Capelos fosen unha realidade”, sinalan desde AV Carral.

A formación lembra tamén que o anunciado convenio do 80 % para as gradas e os vestiarios, ao que se referiu o Sr. Mouriño, finalmente non se materializou. “O que se conseguiu foi unha axuda do Fondo de Cooperación Local sobre o proxecto que xa fora redactado e xestionado por AV Carral”, apuntan.

Desde AV Carral valoran positivamente que finalmente se dea continuidade ao proxecto e que as gradas poidan ser unha realidade para os usuarios e veciños de Carral.