Cinco das seis actuacións previstas xa están rematadas e a restante concluirá a finais de mes
O goberno local avanza que xa está a planificar unha nova remesa de actuacións para continuar mellorando a rede viaria secundaria
O Concello de Fene vén de concluír as obras de mellora executadas en diversos camiños municipais ao abeiro do plan de conservación da rede viaria secundaria, unha actuación que permitiu renovar o estado do firme e mellorar as condicións de seguridade e circulación en distintos puntos do municipio.
As intervencións desenvolvéronse nos camiños de Fontelonga, Sartego–Parque Castelao, Almieiras, os accesos en Sartego e o camiño entre a estrada do Peirao e O Souto, onde os traballos xa están completamente rematados. No caso do vial situado en Sillobre, xunto ao cemiterio e á avenida do Doutor Sixto Mauriz, a actuación atópase na súa fase final e está previsto que conclúa a finais deste mes.
Os traballos consistiron na limpeza e preparación das superficies, o reforzo estrutural dos firmes, a aplicación de tratamentos superficiais bituminosos e a renovación da sinalización, adaptando cada intervención ás características específicas de cada tramo para garantir unha solución duradeira.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “seguimos cumprindo co compromiso de actuar de maneira continuada sobre a rede viaria municipal, mellorando aqueles puntos que presentan un maior deterioro e respondendo ás necesidades que nos traslada a veciñanza”. A rexedora lembrou que “o mantemento dos camiños é un traballo constante que require planificación e continuidade, polo que o noso obxectivo é seguir avanzando ano tras ano”.
Pola súa banda, o concelleiro de servizos, Adán Chao, explicou que “estas actuacións permitiron mellorar a seguridade e a transitabilidade en varios puntos do municipio, prolongando a vida útil dos firmes e reducindo a necesidade de intervencións puntuais”. Ademais, avanzou que “os servizos técnicos municipais xa están traballando na planificación dunha nova remesa de actuacións para continuar mellorando a rede viaria secundaria”.
Desde o goberno local subliñan que o estado dos camiños municipais require un traballo continuado ao longo do tempo, polo que estas intervencións forman parte dun plan permanente de conservación e mantemento. Neste sentido, o Concello continuará identificando novos puntos de actuación para desenvolver futuras fases de mellora, co obxectivo de ofrecer unha rede viaria máis segura, funcional e adaptada ás necesidades da veciñanza.


