Gumersindo Guinarte reclama coñecer que información tiña o Goberno municipal sobre o operador que realizará os voos e que garantías esixiu sobre a solvencia e viabilidade do proxecto.
Os socialistas piden aclarar en que consistiu exactamente a colaboración do Concello e de INCOLSA coa iniciativa e reclaman a convocatoria do Consello de Administración da empresa municipal para dar as explicacións pertinentes.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín transparencia e explicacións ante as informacións aparecidas nos últimos días arredor de Fly2Galicia e do operador encargado de realizar os voos, despois de que o propio executivo municipal recoñecese que leva meses colaborando para impulsar a iniciativa.
Guinarte deixou claro que desde o Grupo Municipal Socialista valoran “positivamente calquera iniciativa que permita recuperar conexións aéreas para Santiago”, pero advertiu de que ven “con preocupación as informacións que están aparecendo arredor de Fly2Galicia e do operador que realizará realmente os voos”. Por iso, considera imprescindible que o Goberno municipal aclare que coñecía antes de prestar o seu apoio ao proxecto.
Neste sentido, o voceiro socialista reclamou saber “se o Goberno municipal coñecía quen ía ser ese operador”, así como “que información tiña sobre el e que garantías esixiu sobre a solvencia e a viabilidade do proxecto antes de apoialo”. Para os socialistas, as dúbidas xurdidas nos últimos días fan necesario que o executivo dea explicacións claras sobre os pasos dados e a información da que dispoñía.
Guinarte puxo especialmente o foco no respaldo prestado desde o ámbito municipal e sinalou que “queremos saber en que consistiu exactamente o apoio do Concello e de INCOLSA”. O voceiro lembrou que “o propio Goberno recoñeceu que leva meses colaborando para impulsar esta iniciativa”, polo que reclama que se detalle o alcance desa colaboración.
Así, o Grupo Municipal Socialista quere coñecer “se houbo cartos públicos, directa ou indirectamente, promoción, persoal ou outros recursos”, a través de que instrumento se canalizou o apoio e, “de ser así, de que cantidades estamos falando”. Guinarte incidiu en que non se trata de poñer en cuestión a recuperación de rutas aéreas, senón de garantir que calquera respaldo desde o Concello se produza coa máxima transparencia.
“Non cuestionamos a necesidade de recuperar conectividade”, subliñou o voceiro socialista, que defendeu que ante unha iniciativa que pode contar con respaldo municipal o que se reclama é “algo elemental cando pode haber respaldo público: transparencia, garantías e información suficiente”.
Neste contexto, Guinarte reclamou tamén a convocatoria do Consello de Administración de INCOLSA para ofrecer as explicacións pertinentes. Tal e como sinalou, “se o Goberno considera que non pode facer pública determinada información por razóns de confidencialidade”, debe convocar o órgano “canto antes, e non máis alá da primeira semana de setembro”, para trasladar aos seus membros toda a información sobre a colaboración coa iniciativa.
O voceiro socialista advertiu finalmente de que “na conectividade aérea non hai atallos” e alertou de que “todo o ruído destes días tampouco favorece ao proxecto”. Fronte ás dúbidas xeradas, Guinarte sostén que só existe unha maneira de despexalas, “para que desapareza só hai un camiño, claridade e explicacións. Iso é o que esiximos desde xa”, concluíu.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.