O alcalde comprobou a evolución da actuación, que conta cun investimento de preto de 350.000 euros. A previsión é que os traballos rematen o venres 28.
O alcalde, José Manuel López Varela, o tenente alcalde, José Ramón Martínez, e o concelleiro de Obras, Pablo Cambón, visitaron as instalacións da piscina municipal da Laracha para comprobar o avance das obras de renovación da cuberta. Na visita estiveron acompañados polo responsable da empresa que executa as obras e tamén da concesionaria da xestión do complexo deportivo municipal.
Durante o percorrido puideron comprobar a evolución dos traballos tanto no espazo que alberga o vaso da piscina como na propia cuberta, que se están executando seguindo os prazos previstos. No interior, unha vez rematados os traballos relacionados coa instalación da nova cuberta, procederase á renovación da pintura das paredes, do teito e das bancadas, completando así a actuación.
Esta renovación da cuberta, cun investimento de preto de 350.000 euros, permitirá mellorar a impermeabilización do edificio e o seu comportamento térmico, ademais de resolver os problemas de deterioración que presentaba por causa do paso do tempo. A nova configuración tamén foi deseñada tendo en conta a posibilidade de incorporar no futuro unha instalación de placas solares fotovoltaicas.
Deste xeito, a cuberta quedará preparada para que, mediante un proxecto posterior, poida dotarse deste sistema de produción de enerxía renovable, contribuíndo a reducir o consumo eléctrico das instalacións e as emisións de CO₂.
A actuación forma parte do proceso de modernización do complexo deportivo da piscina municipal co obxectivo de mellorar as súas condicións de uso e ofrecer unhas instalacións máis eficientes, confortables e adaptadas ás necesidades actuais.
Mentres se completa esta intervención, a piscina está pechada, pero o ximnasio e os vestiarios permanecen abertos e operativos para os usuarios. A previsión é que as obras rematen o venres da semana que vén, día 28 de agosto.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.