O servizo municipal de recollida retirou no que vai de ano 12.657 residuos voluminosos na zona urbana e 4.039 na rural, o que supón un ascenso próximo ao 14% anual. O 90% das incidencias en domicilios son atendidas nun prazo de entre 24 e 48 horas, e o tempo de resposta reduciuse nun 80%.
O Concello de Santiago consolida a tendencia positiva nos datos de recollida de voluminosos, un servizo esencial dentro do sistema municipal de xestión de residuos da cidade. Os datos de 2026 da Concellería de Sustentabilidade Ambiental, que dirixe Xesús Domínguez, constatan un incremento anual de preto do 14% no volume recollido, á vez que unha importante mellora nos tempos de resposta.
Datos de recollida
Na zona urbana, ata o mes de xullo deste ano retiráronse xa 12.657 voluminosos, unha cifra que da mostra da elevada actividade do servizo. Nesta área pasouse de 16.183 voluminosos recollidos en 2023 a 16.523 en 2024 e 18.449 en 2025.
A mesma tendencia obsérvase no ámbito rural, onde se retiraron xa 4.039 voluminosos no que vai de ano. A neste ámbito pasou de 5.980 voluminosos en 2023 a 6.297 en 2024 e 6.709 en 2025.
En conxunto, en Compostela a recollida de voluminosos pasou de 22.163 unidades en 2023 a 22.820 en 2024 e 25.158 en 2025, o que supón un incremento acumulado do 13,5 % en apenas dous anos. Os datos acumulados ata o mes de xullo permiten estimar un volume anual de 28.600 voluminosos, o que suporía un incremento próximo ao 13,8% respecto de 2025 confirmando a tendencia ascendente observada durante os últimos anos.
Mellora nos tempos
Diante do crecente uso deste servizo, o Concello reforzou os recursos destinados á recollida de voluminosos, co obxectivo de manter uns tempos de resposta axeitados tanto no ámbito urbano como no rural e garantir unha atención eficaz ás solicitudes da cidadanía.
A incorporación dun equipo extraordinario de reforzo o pasado mes de abril permitiu mellorar de forma significativa a capacidade de resposta do servizo e adaptala ao incremento da demanda rexistrado nos últimos anos.
Actualmente, case non existen avisos pendentes de atención, mentres que as reclamacións relacionadas coa recollida de voluminosos diminuíron nun 95%. Ademais, o 90% das incidencias en domicilios particulares son atendidas nun prazo de entre 24 e 48 horas, e o tempo de resposta reduciuse nun 80%.
A colaboración cidadá, clave para manter un concello limpo
O Concello de Santiago chama a colaboración cidadá para evitar o abandono de mobles e residuos voluminosos na vía pública, que continúa a ser un dos principais retos para o mantemento da limpeza urbana.
Depositar enseres sen autorización non só xera problemas de limpeza e deterioro do espazo público, senón que tamén dificulta o traballo dos equipos de recollida e retrasa a atención doutros avisos cidadáns.
Recollida de voluminosos e punto limpo móbil
O Concello de Santiago ofrece un servizo de recollida de voluminosos a domicilio, sempre con previo aviso contactando a través do teléfono 981 565 469 para concertar o día, hora e lugar da vía pública onde se depositarán. O horario para solicitude deste servizo é de 10:00h a 13:00h de luns a venres.
Con carácter xeral, as recollidas programadas realízanse de luns a venres en horario nocturno, mediante un equipo específico formado por un condutor e un peón, que presta servizo entre as 23:00 e as 05:30 horas cun vehículo adaptado para a recollida de residuos voluminosos.
Por outro lado, a cidadanía compostelá conta con dúas alternativas para depositar os voluminosos dos que desexen desfacerse, unha delas é o punto limpo que está operativo de 10.50 a 14.00 e de 16.00 a 19.10 horas de luns a venres e de 10.50 a 18:10 horas os sábados. Ademais, pódense depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na rúa no punto limpo móbil que está localizado en horario de 10.30 a 12.45 horas todos os sábados do mes en diferentes zonas de Santiago: o primeiro en Fontiñas, o segundo en praza Roxa, o terceiro en Virxe da Cerca e o cuarto no Castiñeiriño.
A recollida de residuos voluminosos constitúe un servizo esencial dentro do sistema municipal de xestión de residuos de Santiago de Compostela. Este servizo está destinado á retirada de mobles, colchóns, somieres, armarios, sofás, electrodomésticos e outros residuos que, polo seu volume, peso ou características, non poden depositarse nos contedores convencionais.
A cidadanía dispón de toda a información sobre retirada de residuos voluminosos na web santiagosostible.gal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.