Thursday 20 de August de 2026

Mercedes Rosón esixe explicacións ao goberno de Sanmartín sobre a operativa de Fly2Galicia e acceso íntegro ao expediente


• As concelleiras Non Adscritas solicitarán por rexistro toda a documentación relativa á participación de Turismo de Santiago na posta en marcha da operativa.

• Rosón reclama coñecer se houbo compromisos económicos, contratos ou patrocinios municipais e que garantías se esixiron para asegurar a solvencia da operación e a protección dos viaxeiros.

A concelleira non adscrita Mercedes Rosón esixiu este xoves ao goberno de Goretti Sanmartín “explicacións inmediatas e sen rodeos” sobre a operativa de Fly2Galicia no aeroporto de Santiago e anunciou que as concelleiras Non Adscritas solicitarán formalmente e por rexistro o acceso íntegro ao expediente administrativo relacionado con este proxecto.

Rosón considera que a información coñecida nos últimos días “xera serias dúbidas operativas, xurídicas e éticas” e reclama coñecer con detalle cal foi a participación do Concello e de Turismo de Santiago na posta en marcha da operadora. “Non estamos ante unha simple anécdota comercial. Estamos ante un proxecto avalado institucionalmente polo Concello que presenta demasiadas sombras e sobre o que a veciñanza ten dereito a coñecer toda a información”, sinalou.

Canto diñeiro público está en xogo?

A primeira cuestión que queren aclarar as concelleiras Non Adscritas é o alcance da participación municipal na operación. Rosón lembra que o propio Goberno local recoñeceu publicamente que Turismo de Santiago participou na posta en marcha da operativa e considera imprescindible coñecer en que se concretou esa colaboración.

“Queremos saber exactamente que apoio se prestou, en que consistiu esa mediación e se existiron compromisos económicos, patrocinios, contratos menores ou convenios con cargo ao orzamento municipal ou aos fondos destinados á promoción turística”, explicou.

A concelleira reclama que toda esta información se incorpore ao expediente e poida ser consultada pola Corporación Municipal. “O diñeiro dos composteláns non pode poñerse ao servizo de operacións empresariais sen coñecer previamente en que consisten, que garantías ofrecen e cal é o papel que está desempeñando o Concello”, afirmou.

Garantías para os pasaxeiros e unha estratexia aeroportuaria a longo prazo

Rosón tamén considera necesario aclarar que garantías técnicas e financeiras se analizaron antes de que o Concello se implicase na promoción da operativa. Neste sentido, sinala que Fly2Galicia actúa como comercializadora e depende de terceiras compañías para a operativa aérea, polo que reclama coñecer que información manexou o Concello e que comprobacións realizou antes de apoiar o proxecto.

“Estamos falando dunha comercializadora que non dispón de licenza propia nin frota e que depende de terceiros operadores. Ante esta realidade, queremos saber quen responde ante os viaxeiros se se producen cancelacións ou problemas coa operativa e que garantías lle pediu o Concello á empresa”, apuntou.

A concelleira considera que a institución municipal “non pode actuar como valedora dunha empresa” sen contar previamente con información suficiente sobre a solvencia e a capacidade operativa do proxecto. “O mínimo esixible é transparencia e rigor cando está en xogo a conectividade do aeroporto e a confianza dos viaxeiros”, engadiu.

Vínculos con Israel

Outra cuestión que Mercedes Rosón considera necesario abordar é a relación da operadora con empresas e capital vinculados a Israel e a contradición que, ao seu xuízo, supón o apoio do Goberno do BNG a este proxecto.

“Resulta rechamante ver a un Goberno do BNG que fai bandeira pública e constante de determinados posicionamentos internacionais avalar, ás agachadas e sen transparencia desde os despachos de Raxoi e Incolsa, unha operación sustentada en aeronaves e capital vencellado a Israel”, afirmou.

A concelleira considera que o Goberno local debe explicar abertamente esta cuestión e non ocultala detrás dunha operación de promoción turística. “Hai unha contradición evidente entre o discurso político do BNG e o que está facendo desde o Goberno municipal. Se o Concello está apoiando unha operativa que depende dunha compañía con actividade e vínculos directos con Israel, debe explicalo publicamente e con toda a transparencia”, reclamou.

Rosón considera que o problema non é só coñecer que empresa vai operar os voos, senón tamén quen está detrás da estrutura empresarial, que relacións financeiras existen e que coñecemento tiña o Concello destas circunstancias cando decidiu apoiar o proxecto.

“Lavacolla precisa unha estratexia seria, non parches”

Finalmente, as concelleiras Non Adscritas reclaman ao Goberno municipal que dea a cara, poña toda a documentación enriba da mesa e explique tanto a súa participación como as garantías da operación.

“Lavacolla precisa unha estratexia aeroportuaria seria, profesional, con convenios transparentes e operadores solventes que aseguren a conectividade de Santiago e de Galicia a longo prazo. O noso aeroporto non se defende con parches, intermediarios pantasma nin improvisacións para salvar titulares de verán”, afirmou Rosón.

Por iso, as concelleiras Non Adscritas rexistrarán a súa solicitude de acceso ao expediente para coñecer todo o apoio prestado por Turismo de Santiago, os posibles recursos públicos comprometidos, os contratos ou convenios existentes, os informes técnicos e xurídicos realizados, as garantías esixidas á empresa e a estrutura empresarial e financeira que sustenta a operativa.

“Queremos os contratos, os informes e toda a documentación enriba da mesa. A alcaldesa e a concellería de Turismo teñen que dar a cara e explicar canto custou esta operación, que avalaron exactamente e por que decidiron apoiala. Santiago merece saber que hai detrás de Fly2Galicia”, concluíu.

Deja un comentario