Thursday 20 de August de 2026

Palmeira degustará unha tonelada de polbo na duodécima edición da festa gastronómica dedicada ao cefalópodo


 O evento celebrarase no 29 e 30 de agosto, no porto da parroquia

Ribeira despedirá o mes de agosto coa duodécima edición da Festa do Polbo de Palmeira que repartirá arredor dunha tonelada do cefalópodo entre os días 29 e 30, no porto da parroquia, con Veloso aos fogóns. Tamén se poderán comer outras viandas como mexillóns, empanadas ou churrasco, entre outros, a prezos populares. Todo isto amenizado con música enhorario de mañá e de tarde.
“Se algo pode definir ao mes de agosto en Ribeira é a palabra gastronomía, pois tivemos xa a Festa do Percebe, a Festa da Navalla, Gastromar e toca a Festa do Polbo. Estas citas son un reclamo turístico máis do noso municipio que contribúen á dinamización social e económica, principalmente, das nosas parroquias de Palmeira e Aguiño que son onde puidemos degustar o produto do mar. E para complementar a parte gastronómica contaremos con grupos de música locais, apostando así pola nosa cultura. Isto redundará tamén positivamente nos establecementos hostaleiros da zona portuaria”, explica a concelleira de Turismo, Ana Barreiro.

Tamén tomou a palabra o edil Emilio Pérez, para quen esta actividade “xa está fortemente arraigada no calendario municipal de actividades, colleitando éxito tras éxito en cada edición. Contamos cun produto do mar de excelentísima calidade que temos que celebrar e enxalzar,
poñendo así tamén en valor o traballo dos mariñeiros que se dedican ás extracción dos distintos recursos pesqueiros e marisqueiros que tanto nos diferencian. E na vindeira fin de semana tocará saborear un dos manxares da nosa costa como é o polbo, como non podía ser doutro xeito, en Palmeira e a carón do mar.”

A festa arrancará no sábado 29 co pregón a cargo de Ana María Lorenzo Vizcaya, doutora e especialista en Medicina Interna e tamén en Hematoloxía, ás 12.00 horas, e charanga Os Jaláticos, mentres que a sesión vermú contará coas melodías de Rockolas. Xa pola tarde-noite, tocará asistir ao concerto de Thais Suki, a partir das 20.30 horas.

No que respecta ao domingo 30, o grupo tradicional Arume marcará o inicio desta xornada, ás 12.00 horas, para, ás 13.30 horas, desfrutar de Riverside Dukes na sesión vermú e de Loren e Andrés, das 20.30 horas en diante.

Deja un comentario