Friday 22 de November de 2024

Cultura e Educación aborda no Gaiás a relación entre arte, a moda e o téxtil nas Xornadas Académicas da mostra ‘Con-fío en Galicia’


Guillermo Solana, director artístico do Thyssen-Bornemisza de Madrid, o fotógrafo Manuel Outumuro ou a deseñadora do vestiario de ‘Xogo de Tronos’, Arantza Vilas, abordarán a moda desde a perspectiva artística, económica e social

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aborda no Gaiás a relación entre moda, arte e téxtil no marco das Xornadas Académicas da mostra ‘Con-fío en Galicia’. Será do 6 ao 9 de xuño no Museo Centro Gaiás e contará con personalidades de diferentes ámbitos como Guillermo Solana, director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid; o recoñecido fotógrafo Manuel Outumuro, a directora do estudo londinense Pinaki Studios, Arantza Vilas; ou a CEO de Latitude, María Almazán.

No marco da exposición ‘Con-fío en Galicia’, a Cidade da Cultura pon en marcha do 6 ao 9 de xuño estas xornadas, totalmente gratuítas, coas que reflexionar sobre o mundo da moda desde múltiples vertentes: expositiva, artística, económica e social.

A nova mostra do Museo Centro Gaiás, en exposición ata o 11 de setembro, convértese así na excusa perfecta para reflexionar sobre a relación da moda coa arte: o seu papel de fonte de inspiración para diferentes creacións, a súa conversión en obxecto artístico e, polo tanto, en elemento central do discurso expositivo, facendo habitual a súa presenza en grandes museos. Figuras como Guillermo Solana, director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, ou Juan Gutiérrez, comisario de exposicións e conservador das coleccións contemporáneas do Museo del Traje de Madrid serán os encargados de reflexionar sobre esta perspectiva artística da moda.

A produción téxtil da man de Elvira Lindoso, Cointega ou Lola Dopico
As xornadas académicas abordarán tamén os aspectos máis materiais da moda, como a produción téxtil, o deseño e a comercialización. Así, o Museo Centro Gaiás contará coa presenza da deseñadora galega e artista multidisciplinar Sara Coleman ou da responsable do estudo londinense Pinaki Studios, Arantza Vilas, que diseñou o vestiario da exitosa serie ‘Xogo de Tronos’.

Nas xornadas tamén participarán Elvira Lindoso, profesora doutora de Historia e institucións económicas, que abordará o papel da industria téxtil na historia contemporánea; o secretario xeral de Cointega, Alberto Rocha; Lola Dopico, directora da Esdemga; o arquitecto Iago Seara, responsable de tendas de moda para Adolfo Domínguez e Antonio Pernas; ou María Almazán, CEO de Latitude.

A moda como creadora de imaxe e de identidades persoais e colectivas tamén estará presente nas Xornadas Académicas a través dunha master class co recoñecido fotógrafo de moda Manuel Outumuro, creador das imaxes de marca e a comunicación visual de numerosos deseñadores; así como dos relatorios da ilustradora Marta Riera ou a directora da axencia de comunicación e publicidade Unconventional London, Nuria Carballo.

Orixe, deseño e montaxe de Con-fío en Galicia
As xornadas tamén terán un oco para coñecer máis polo miúdo a mostra ‘Con-fío en Galicia’. Ademais de facer un percorrido guiado polas 300 pezas que compoñen esta viaxe pola historia da moda galega, os participantes poderán coñecer máis polo miúdo a súa orixe, o concepto, o deseño ou a montaxe da man dos seus responsables.

Coa directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira, á cabeza; polo Museo pasarán o comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane; o responsable do deseño da montaxe e do catálogo, Pepe Barro, e os arquitectos co-deseñadores da montaxe expositiva: Olivia Fernández Feijóo e Javier Rodríguez García, do estudo Oja Arquitectura.

22 horas e ETCS pola USC
As Xornadas Académicas ‘Con-fío en Galicia’: Moda, arte, téxtil están dirixidas por Fátima Díez Platas, Profesora Doutora en Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

De balde previa inscrición en cidadedacultura.gal, as xornadas terán lugar do 6 ao 9 de xuño no Museo Centro Gaiás cunha duración total de 22 horas. Todos aqueles que asistan ao 85% das xornadas recibirán un ETCS da Universidade de Santiago de Compostela.