Thursday 20 de August de 2026

Eduardo Dobarro, director de Navantia Ferrol, será o pregoeiro da XXXVI Festa do Pan de Neda


A XXXVI Festa do Pan de Neda ten xa pregoeiro. O nedense Eduardo Dobarro, director de Navantia Ferrol, será o encargado este ano de ler o pregón, que inaugurará oficialmente a celebración gastronómica, destinada a pór en valor o bo facer dos panadeiros e panadeiras e exaltar os produtos que saen dos fornos locais. Unha encomenda que asume cunha boa dose de ilusión e de orgullo.

Dobarro, nado en Neda no ano 1974, coñece ben de preto o río Belelle e a forza e calidade das súas augas. De sempre, un dos ingredientes esenciais do noso pan. Ademais, a súa historia familiar está vencellada directamente á dos muíños deste río, xermolo da tradición panadeira de Neda.

Fillo e neto de muiñeiro, o director de Navantia Ferrol e, con anterioridade, responsable do programa das fragatas F-110, confesa que o convite do Concello de Neda colleuno de sorpresa. Non obstante, dixo si, sen pensalo, a unha proposta que para calquera nedense é un honor. “Que no meu pobo de toda a vida, pensen en min para dar o pregón desta festa tan nosa e tan importante é todo un orgullo”, subliña.
Coñece ben a Festa do Pan, que viviu dende mozo, nos tempos nos que se celebraba en Albarón. E foi testemuña, nestas máis de tres décadas, ás veces dende a distancia por cuestións profesionais, da evolución dun sector que segue a ser clave na economía local, ademais dun emblema da localidade.

Responsable dos estaleiros da ría dende hai cinco anos, e con máis de 25 anos de traxectoria en Navantia, alude ademais ao nexo histórico de Neda co naval, algo que queda reflectido incluso no propio escudo do municipio. Tomará a testemuña da xornalista nedense Ada Romero.

A Festa do pan, organizada polo Concello e declarada de interese turístico galego, desenvolverase o 6 de setembro. A 36 edición contará coa participación das panaderías La Gallega, Panificadora Germán e Paca Castro, ademais de cunha ampla programación lecer para todos os públicos. A cita contará neste 2026 co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración Turismo de Galicia e Abanca.

Deja un comentario