BNG reclama que a Consellaría de Educación aclare se ten coñecemento de eivas estruturais nos CEIP composteláns e que investimentos destinou neste aspecto na última década.
Elementos básicos, como os baños de varios centros, apenas cumpren hoxe en día cos estándares de calidade.
As eivas identificadas nos diferentes centros educativos composteláns, desatendidos pola Xunta de Galiza, son numerosas.
O Bloque Nacionalista Galego, a través das deputadas Saleta Chao Rivas e Cristina Fernández Davila, denuncia a falta de compromiso do Goberno galego cos centros educativos de Santiago de Compostela. As deputadas presentaron na Comisión 4ª do Parlamento de Galiza unha pregunta para resposta oral onde chaman a atención sobre a desatención da Xunta cara a estes centros e a sobrecarga que isto supón para o Concello de Santiago.
Na exposición de motivos desta pregunta, ambas as dúas deputadas identifican unha tendencia que se repite anualmente, “onde os investimentos nos centros de educación infantil e primaria só chegan cando a situación das infraestruturas é alarmante” ou, máis grave aínda, ás veces “nin nesas circunstancias”.
O BNG reclama da Consellaría de Educación que aclare se ten coñecemento de eivas estruturais nos CEIP composteláns e que investimentos destinou neste aspecto na última década.
Do mesmo modo, as nacionalistas preguntan á Consellaría se ten previsto impulsar unha moi necesaria reforma integral no CEIP de Vite. A este respecto, hai anos que a Xunta comprometeu esa actuación neste centro de case 50 anos de traxectoria, sen que nunca chegase a executarse malia as reiteradas afirmacións da Consellaría de que o proxecto se atopa en proceso.
Ademais, o BNG sinala a mala situación en que se atopan os baños dos CEIP Quiroga Palacios. Monte dos Postes, Arquitecto Casas Novoa, Lamas de Abade e Roxos-Villestro, que non cumpren os estándares aplicábeis e que mesmo contan, nalgúns casos, con fontanaría enferruxada. Así, na pregunta parlamentar, o BNG solicita coñecer se existen previsións para a substitución das tubaxes en mal estado e se a Xunta considera que os baños destes centros cumpren hoxe en día cos estándares de calidade.
O BNG recorda que son moitas as eivas identificadas nos distintos centros educativos composteláns desatendidas pola Xunta de Galiza, entre as que cita as filtracións no CEIP de Prácticas López Ferreiro tras as obras do verán de 2025; o estado da cuberta da ala norte do CEIP Apóstolo Santiago que a comunidade educativa leva anos a reclamar; o estado da cuberta do almacén, aseos e biblioteca e a necesaria mellora do peche perimetral no CEIP das Fontiñas, cuxo patio cuberto é tamén obxecto de demandas de mellora dende hai anos da comunidade escolar; a situación do firme do parque infantil e do peche do parque de educación primaria no CEIP Ramón Cabanillas; a situación do firme das pistas exteriores do CEIP Rodríguez Xixirei; o estado do revestimento da fachada e da instalación eléctrica deficiente no CEIP Pío XII, ou da mesma instalación no edificio de primaria do CEIP Lamas de Abade. Tamén reclaman os nacionalistas a construción de novos comedores nos CEIP Quiroga Palacios e Raíña Fabiola.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.