Wednesday 19 de August de 2026

Campaña de dinamización do mercado


O Mercado municipal de Carballo pecha a programación de verán cunha cata de cafés e xa prepara novas actividades para setembro e outubro
A cita será este venres 21, ás 11.00 horas, na planta alta, con entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade
A dinamización continuará despois do verán cunha programación centrada especialmente na alimentación saudable
O mercado municipal de Carballo acollw este venres 21 á última cita da súa programación especial de verán cunha cata de Cafés Delta, que se celebrará a partir das 11.00 horas na planta alta. A participación será gratuíta e aberta a todo o público ata completar a capacidade.
A actividade forma parte das experiencias de maridaxe incluídas no Plan de dinamización do mercado municipal para os meses de xuño, xullo e agosto, unha programación coa que se pretende ofrecer novos motivos para achegarse á praza de abastos e, ao mesmo tempo, dar a coñecer os seus produtos e establecementos.
A última experiencia, celebrada o pasado 7 de agosto, foi unha cata de cervexas coa participación de expertos de Estrella Galicia, que conseguiu achegar ao mercado a numeroso público e, especialmente, persoas que non son usuarias habituais da praza. A boa resposta á iniciativa reforza un dos obxectivos do programa de dinamización: facer do mercado non só un lugar no que mercar, senón tamén un espazo no que encontrarse, aprender, probar produtos e compartir experiencias.
A cata deste venres tomará o relevo coa cultura do café como protagonista. Da man de Cafés Delta, as persoas asistentes poderán coñecer máis sobre esta bebida, as súas características e a maneira de apreciala e degustala. A cita comezará ás 11.00 horas e non será necesaria inscrición previa.
Un verán de actividade no mercado
As experiencias de maridaxe puxeron o broche a unha programación estival que arrancou en xuño coa celebración de San Xoán, con petiscos elaborados con produtos típicos da época e o sorteo dunha cesta composta por produtos dos distintos postos.
En xullo, as compras tiveron premio coa campaña de tarxetas rasca, que permitiu repartir máis de 2.000 agasallos entre a clientela —bolsas, frisbis, pelotas de praia, papaventos ou gorras, entre outros—. A programación incorporou tamén a vertente divulgativa e de saúde coa charla “A túa pel ten memoria, protéxea cada día”, organizada pola xunta local da Asociación Española Contra o Cancro e impartida pola súa técnica de prevención Iria Villar.
Setembro e outubro: alimentación saudable
A cata de café non suporá, en todo caso, o final do Plan de dinamización. O mercado municipal de Carballo continuará con novas actividades durante setembro e outubro, nesta ocasión cunha atención especial á alimentación saudable e ao produto de proximidade.
En setembro xa están previstas dúas edicións dun taller de merendas saudables para levar ao cole, unha proposta especialmente dirixida ás familias coincidindo coa volta ás aulas.
O mercado acollerá tamén unha degustación de peixe da Costa da Morte, unha actividade coa que se pretende poñer en valor o produto do mar da contorna e que se desenvolverá en colaboración co GALP Costa da Morte.
A programación completa de setembro e outubro darase a coñecer proximamente. O mercado municipal de Carballo continúa así avanzando nunha programación estable ao longo do ano, combinando promoción comercial, gastronomía, saúde, divulgación e actividades participativas para reforzar a relación entre a praza de abastos e a veciñanza.

Deja un comentario