Os campamentos enmárcanse na Campaña de Verán 2016 da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que dispón dun orzamento de 2,6 millóns de euros
A Consellería de Política Social sorteará ante notario o vindeiro xoves, día 19, un total de 5.628 prazas de campamentos para mozos e mozas de 9 a 17 anos. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organiza este programa que se desenvolverá os vindeiros meses de xullo e agosto nun total de 20 albergues e campamentos de toda Galicia e nos intercambios coas comunidades do País Vasco, Castilla y León, Extremadura, Madrid y La Rioja.
O resto de prazas ata completar o total de 6.205 dispoñibles este ano están reservadas para os participantes de fóra nos intercambios, menores en situación de tutela ou en garda pola Administración, mozos e mozas con discapacidade, fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero e descendentes da emigración.
Os campamentos, que contan con actividades de ocio educativo de diferentes temáticas como naúticas, de coñecemento do medio natural, de dramatización e expresión cultural ou deportes de multiaventura, enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado cun orzamento de 2,6 millóns de euros. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas, xa que en total son 9.046, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles con respecto ao ano pasado.
Ademais dos campamentos, a Campaña de Verán inclúe tamén campos de traballo, actividades para maiores de 18 anos e a oferta concertada. Cómpre destacar que outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores e directores de campamentos.