Wednesday 19 de August de 2026

A alcaldesa Goretti Sanmartín chama a romper o silencio no 90 aniversario do asasinato de Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño


O Concello de Santiago celebrou este mércores, 19 de agosto, o acto institucional en lembranza do alcalde republicano Ánxel Casal, asasinado en 1936 en Cacheiras tras o golpe militar, cinco días despois do fusilamento do ilustrador Camilo Díaz Baliño. No acto interviron a alcadesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o deseñador gráfico Pepe Barro, un dos maiores investigadores da historia da ilustración galega; e o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril Ramos. Por parte do Concello de Teo, asistiu o concelleiro Óscar Antón Pérez García. O acto tivo así representación das tres localidades unidas polos últimos momentos da vida de Casal e polos lazos históricos que comparten coa súa figura.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, reivindicou a necesidade de que “a memoria levante todas as lousas do silencio que nos impuxeron e que ninguén sinta medo por pensar e soñar un país máis xusto e máis libre”. Así o fixo no seu discurso do acto institucional en lembranza de Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño celebrado hoxe no Salón Vermello do Pazo de Raxoi.

“Camilo Díaz Baliño e Ánxel Casal son dúas figuras impresionantes para Santiago de Compostela, fano moito máis grande”, reivindicou a rexedora, e sinalou que “Camilo representa unha das trabes fundamentais da cultura que hoxe continúa vizosa no noso concello, da cultura e da liberdade”. A respecto de Casal, describiu como político, editor, alcalde, ideador de transformacións para Compostela, e potenciador do idioma e a literatura, destacando como “referente de honestidade e de compromiso”.

A alcaldesa chamou así a romper “o silencio que quixeron impoñernos durante 90 longos anos”, lembrou que arredor de 200 persoas asasinadas en Compostela tras o 36 e fixo un recordatorio de fitos recentes coma a recuperación das estatuas do Mestre Mateo e a declaración oficial como lugar de memoria democrática do Pazo de Meirás.

A alcaldesa lembrou tamén que as recentes obras de Raxoi posibilitarán antes de finais de ano a visita a un lugar de memoria histórica, no que se situaba o cárcere da Falcona, no que ficaron Camilo Díaz Baliño e Ánxel Casal.

Pepe Barro repasou a historia común de Casal e Díaz Baliño, que se confluíron en 1924 na constitución da editora Lar, e falou do seu entusiasmo e o seu labor cultural en relación con figuras coma as de Federico García Lorca, Antón Villar Ponte, Casares Quiroga, e María Miramontes. Sinalou así mesmo que Camilo Díaz Baliño estivo unido a Compostela desde 1920 e que na Casa do Concello foi “oficialmente delineante pero que na práctica exerceu de director artístico para todo”.

Pola súa parte, o alcalde de Arzúa reivindicou a función dos concellos como “gardiáns da memoria cívica” e falou da débeda que Galicia ten con Ánxel Casal, avogando por seguir “facendo que o país polo que el traballou siga vivo e teña futuro”. Destacou así o seu compromiso coa verdade, a xustiza e a democracia.

Goretti Sanmartín concluíu que con este acto o Concello de Santiago fai “un recoñecemento de figuras chave para Compostela, para a Compostela da liberdade, dos dereitos, da vangarda, da cultura, da defensa da identidade da Galicia”, nunha homenaxe que fixo extensiva a “todas as persoas soterradas en Boisaca, en foxas comúns e represaliadas despois do momento máis cruel e inxusto vivido no Estado español”.

Acto de homenaxe

O acto estivo encabezado pola alcaldesa e nel honrouse tanto a memoria de Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño como a de todas as persoas represaliadas por defender a liberdade, a democracia e os dereitos colectivos.

Ao acto asistiron membros das corporacións municipais de Santiago de Compostela, Arzúa e Teo, deputadas do Parlamento Galego e da Deputación da Coruña, familiares de Díaz Baliño, diversos representantes de asociacións e colectivos que traballan en prol da memoria histórica, así como a reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; e outras persoas do eido cultural e o tecido asociativo compostelán.

Con este recoñecemento, institucionalizado en 2023, o Concello de Santiago reafirma o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica e coa posta en valor das persoas que loitaron polos dereitos civís, pola cultura galega e pola construción dun país máis xusto e igualitario.

Ánxel Casal

Alén de ser o alcalde de Santiago de Compostela en 1936, Ánxel Casal tamén foi vicepresidente da Deputación da Coruña, impulsor do Estatuto do 36, membro do Partido Galeguista e integrante das Irmandades da Fala.

A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega. Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos tanto para Santiago como para o conxunto do país, como proba a fotografía que recolle a presenza de ambos os dous na entrega do Estatuto de Autonomía de 1936 en Madrid.

Camilo Díaz Baliño

Cinco días antes do asasinato de Ánxel Casal, na estrada de Palas a Melide fora asasinado o ilustrador e delineante do Concello de Santiago, Camilo Díaz Baliño. Casal e Díaz Baliño compartiron os últimos días das súas vidas presos na Falcona, o cárcere que o franquismo instalou nos baixos do Pazo de Raxoi, mais a súa relación foi moi estreita ao longo das súas traxectorias, tanto no plano político como no persoal e no artístico.

Deja un comentario