Wednesday 19 de August de 2026

O Natural Sport continúa coa celebración do seu 30 aniversario cunha xornada de exhibición na rúa do Sal


 As actividades concentraranse no 29 de agosto e haberá degustación para recadar fondos

Os actos con motivo do 30 aniversario do Natural Sport seguen sucedéndose e no 29 de agosto celebrarán unha xornada de exhibición na rúa do Sal, coa colaboración do Concello de Ribeira.
“O Natural Sport é unha entidade de referencia non só en Ribeira, senón que tamén a nivel comarcal e galego. Proba disto é a celebración do seu trinta aniversario. Trinta anos fomentando o deporte, trinta anos proxectando o nome de Ribeira máis alá das nosas fronteiras, trinta anos colleitando éxitos, trinta anos facendo familia. Familia que se escolle. E dende a Administración local ribeirense queremos colaborar con esta serie de actos que veñen organizando ao longo deste ano. Esta xornada de exhibición é un escaparate para o club e para o taekwondo que tamén dinamizará social e economicamente unha vía emblemática do centro da cidade como é a rúa do Sal e os establecementos hostaleiros que aquí radican”, en palabras da concelleira de Turismo, Ana Barreiro.

Pola súa parte, o edil de Deportes e ex-deportista do Natural Sport, Álex Vidal, destacou que esta actividade sirve de punto de encontro a través do deporte. “É unha actividade que serve de gran expositor do taekwondo para a xente que non o coñece e de axuda para o club para que os nenos e nenas vaian competir”, destacou Vidal.
“Dende hai anos facemos actividades que sexan globais, non só que sexan do marco deportivo, senón que aproveitamos para, nesta ocasión, desfrutar dos fantásticos produtos do mar e da nosa hostalaría. Son actividades globais que repercuten positivamente en todos”, declarou o director deportivo do Natural Sport, Juan Luis Martínez, xunto ao presidente da entidade, José Francisco Agrelo.

Precisou, así mesmo, que se ben estamos no oitavo mes do ano, xa se supera a quincena de accións promovidas polo club para conmemorar a súa traxectoria.

As actividades arrancarán ás 11.00 horas co adestramento do equipo de combate do club. Deseguido, ás 12.00 horas, comezará a xornada de portas abertas, clases de probas a partir de dous anos, mentres que, a partir das 13.00 horas, habilitaranse inchables. O momento da música chegará tamén ás 13.00 horas con sesión vermú da man de Chiña e DJ, das 14.30 horas en diante.

O deporte complementarase cunha degustación gastronómica a base de produtos do mar, coa colaboración de Mariscos Bomar e a Lonxa de Ribeira, rula representada polo seu xerente, Fernando Carreira.
“Penso que é unha boa oportunidade para seguir desfrutando dos produtos da nosa ría, do noso porto”, indicou. Ofreceranse racións de empanada, croquetas e arroz con marisco. Para iso, os tíckets de comida mercaranse nos bares da rúa do Sal, mediante pago en efectivo. O diñeiro recadado irá destinado a sufragar os custes das viaxes do equipo de competición e de base.

Deja un comentario