O ciclo Noites de Cine viaxa hasta A Brea co filme “¿Quién es quién?” e Baldaio celebra a XXVI edición da súa Festa do Berberecho
A programación de lecer desta semana combina música, tradición, cinema e gastronomía en diferentes espazos de Carballo. Ondas Culturais continúa co ciclo Son de Aquí, que levará os concertos de Manu Sija e Do Rivés ás parroquias de Sofán e ao barrio do Chorís, respectivamente. A programación complétase cunha nova sesión de Noites de Cine e coa celebración da XXVI Festa do Berberecho, en Baldaio.
O xoves 20 de agosto, ás 20.00 horas, o adro da igrexa de Sofán acolle unha nova cita de Son de Aquí, que comezará cunha visita guiada pola historia da parroquia e as evolucións das súas expresións musicais. A través das figuras dos gaiteiros como Evaristo, das pandeireteiras do lugar ou das mártires de Sofán, o percorrido permitirá achegarse á memoria de Sofán e da súa contorna. Para participar nesta actividade gratuíta é necesaria inscrición previa en www.carballo.gal.
Xa ás 20.30 horas, Manu Sija despregará o seu talento nun concerto con acceso libre ata completar a capacidade do recinto. Multiinstrumentista autodidacta e compositor, Sija é considerado un dos referentes máis innovadores do jazz contemporáneo en Sudamérica. O músico arxentino combina a linguaxe do jazz moderno co folclore do seu país e a experimentación electrónica en directo, nunha proposta na que utiliza instrumentos como o violín, o baixo, a guitarra, o bandoneón, os teclados ou a percusión. A súa especialidade é o dominio do live looping, co que crea en directo diferentes capas mediante a gravación e repetición de fragmentos musicais. Esta técnica permítelle construír en tempo real paisaxes sonoras complexas e orgánicas, cunha forte presenza da improvisación. A cita conta coa colaboración da Parroquia de San Salvador de Sofán.
Ao día seguinte, o venres 21 de agosto, o ciclo Son de Aquí pecha a súa andaina no barrio do Chorís. A partir das 20.00 horas terá lugar un novo relato sobre a historia e o patrimonio do lugar, con atención a espazos coma o castro, os edificios de augas, o campo de fútbol e a zona escolar. Ás 20.30 horas, será a quenda de Do Rivés, que presentará Contrabando, o seu primeiro traballo discográfico. A formación da Costa da Morte, integrada por mulleres (dúas delas de Carballo), recupera a tradición desde unha perspectiva contemporánea e respectuosa coa transmisión oral, a través da pandeireta, a voz e o baile, incorporando formas e sonoridades propias da Costa da Morte. O concerto é de acceso libre ata completar a capacidade do recinto.
Ademais, continúa a programación de Noites de Cine, que volve o mércores 19 de agosto, ás 22.00 horas, neste caso na Brea coa proxección de ¿Quién es quién?, unha comedia para maiores de sete anos. A película conta a historia dos Fuentes, unha familia que vive desconectada e en conflito e que, tras o desexo da súa filla pequena polo seu aniversario, esperta cos corpos intercambiados. A partir de aí deberán poñerse literalmente no lugar dos demais e aprender a confiar uns nos outros para recuperar as súas vidas. A sesión conta coa colaboración da Asociación Cultural Mestra Carmen Cancela.
A programación da semana inclúe tamén a XXVI Festa do Berberecho, que se celebra o sábado 22 de agosto en Baldaio (na pista de A Imende – Noicela). A partir das 12.30 horas terá lugar a degustación de berberechos ao vapor, en salsa ou en empanada, e a programación continuará durante toda a tarde con música e actividades. Ás 14.00 horas haberá sesión vermú co Grupo Elebe2.0, ás 16.30 horas actuará o DJ Red Face, ás 19.00 horas será a quenda da AC Arume de Caión e ás 20.00 horas volverá actuar o DJ Red Face. A xornada rematará ás 22.30 horas cunha verbena a cargo do Grupo Elebe2.0. A festa está organizada pola ADCR Baldaio e conta coa colaboración do Concello de Carballo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.