Wednesday 19 de August de 2026

A alcaldesa Goretti Sanmartín Rei e a concelleira de Rural Pilar Lueiro verifican o remate dos traballos de mellora sobre case 2,5 quilómetros de rúa en San Martiño de Aríns


A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, e a concelleira de Rural, Pilar Lueiro, visitaron esta mañá a rúa San Martiño de Aríns, onde os traballos de rexeneración do pavimento asfáltico e de construción dunha senda peonil que deran comezo a finais do pasado mes de abril remataron este mes de agosto, comprendendo o tramo entre a rotonda da rúa das Estrelas e a intersección do cruzamento con estradas locais.

A intervención desenvolveuse nun espazo de case 1.200 metros de lonxitude. O desenvolvemento da senda peonil permite mellorar a seguridade na zona para peóns e vehículos. As obras permitiron tamén ampliar a rede de abastecemento da auga que dá servizo tanto a vivendas como a espazos urbanizables. O orzamento para esta obra foi de 322.512,48 € IVE incluído.

Esta Fase II dos traballos na rúa San Martiño deu continuidade á anterior Fase I, que abrangueu outros 1.170 metros de rúa dende o final da actual intervención ao cruzamento coa estrada AC-261. Aqueles traballos, que se adxudicaron en outubro de 2024, contaron cun orzamento de 347.720,85 €.

Remata deste xeito esta ampla intervención na área rural, con máis de 2 quilómetros de obra e un investimento conxunto de case 700.000 euros. A Fase I estivo cofinanciada a través do POS 2023 da Deputación da Coruña, e a Fase II estivo asignada ao POS 2024 da mesma institución.

Deja un comentario