O Concello de Fene e Airiños de Fene impulsan unha nova cita que reunirá agrupacións de Galiza e Asturias os días 29 e 30 de agosto
O festival levará a música e a tradición ás sociedades e culminará cun gran desfile e unha Noite Celta aberta ao público
O Concello de Fene e Airiños de Fene organizarán os vindeiros 29 e 30 de agosto o I Festival Intercéltico “Fene Interculturas”, unha nova iniciativa cultural que nace coa vocación de converterse nun referente para a promoción da música e das tradicións populares de Galiza e doutros territorios da cultura atlántica.
O festival foi presentado na Casa do Concello, nun acto no que se puxo de manifesto a importancia desta primeira edición como unha aposta por afortalar a identidade cultural, favorecer o intercambio entre agrupacións e achegar a música tradicional á veciñanza de todas as parroquias.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “este festival representa moi ben a maneira que temos de entender a cultura: aberta, participativa e vencellada ao territorio”. A rexedora subliñou que “Fene conta cun tecido asociativo extraordinario e con entidades que manteñen viva a nosa tradición. Con este festival, e grazas ao excelente traballo de Airiños de Fene, damos un paso máis, abrindo o noso concello ao encontro con outras agrupacións e convertendo a cultura tradicional nun elemento de convivencia e dinamización social”.
Permuy agradeceu tamén o traballo realizado por Airiños de Fene e por todas as entidades colaboradoras, salientando que “o éxito desta primeira edición será posible grazas á implicación das sociedades culturais e veciñais do municipio, que volven demostrar a súa capacidade para facer comunidade a través da cultura”.
Música tradicional por todas as parroquias
A programación arrancará o sábado 29 de agosto coa recepción oficial ás agrupacións participantes, que terá lugar ás 12.00 horas na Casa do Concello.
A continuación, ás 13.15 horas, desenvolverase unha das principais novidades desta primeira edición: actuacións simultáneas en distintas sociedades e entidades do municipio, levando a música tradicional a diferentes parroquias.
Participarán Xinzo de Limia na SCRD Agarimo de Sillobre; Tapia de Casariego no CPS San Valentín; Sementeira de Cambre no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene; Terra de Trasancos, do Real Coro Toxos e Froles, na Liga de Amigos de Barallobre; Airiños do Eume na Asociación Veciñal San Xurxo de Magalofes; Vai Rañala Meu na Asociación Veciñal de Limodre; e Silbarda na SCRD O Pote de Maniños.
Xa pola tarde, ás 18.30 horas, a Praza Verde de Perlío acollerá unha actuación de rúa a cargo de Silbarda, como antesala do gran desfile intercéltico que percorrerá a partir das 20.30 horas a avenida Marqués de Figueroa. A esta comitiva sumaranse tamén os cabezudos do colectivo A Piruchela, achegando un compoñente festivo e tradicional ao percorrido.
A xornada rematará coa Noite Celta, que comezará ás 21.30 horas na Fonte do Campo e reunirá sobre o escenario a todas as agrupacións participantes.
Clausura en Maniños
O domingo 30 de agosto celebrarase a segunda e última xornada do festival. Ás 12.30 horas partirá un novo desfile desde o cruce de Maniños ata as instalacións da SCRD O Pote, onde ás 13.00 horas terá lugar o concerto de clausura coas actuacións das agrupacións participantes.
Desde o Concello de Fene destacan que esta primeira edición do Festival Intercéltico “Fene Interculturas” supón unha nova aposta pola promoción da cultura tradicional, a colaboración co movemento asociativo e a creación de novas propostas que reforcen a programación cultural do municipio, ao tempo que proxectan Fene como un referente no ámbito da música de raíz e do patrimonio inmaterial galego.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.