Tuesday 18 de August de 2026

Neda licita por algo máis de 55.000 euros a pavimentación de dous camiños rurais en Liñares e na Cobeluda


Neda licita os traballos de pavimentación de dous camiños, situados en Liñares e na Cobeluda. As obras permitirán mellorar a seguridade viaria nas dúas pistas, pertencentes á parroquia de Anca, que o Concello decidiu incluír no plan Camiña Rural para o período 2026-2027, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader)

Trátase de dous proxectos cun orzamento conxunto de 55.186 euros (IVE incluído), que contemplan a posta a punto de dous camiños, cuxo firme se atopa, na actualidade, deteriorado polo uso e polo paso do tempo.
No caso de Liñares as obras afectan á pista de preto de 400 m que vai dende as inmediacións do antigo forno da zona ata o cruce que conduce a Galanos, dando acceso tanto a vivendas como a parcelas agrícolas. Outro tanto ocorre co camiño da Cobeluda, cunha lonxitude de 316 metros.

Nos dous casos realizaranse tarefas de bacheado, limpeza de cunetas, aglomerado en quente, e labores de sinalización horizontal e vertical. Ademais, en Liñares ampliarase en 0,50 m o ancho, facilitando o cruzamento de dous vehículos. Pola súa banda, na pista da Cobeluda contémplase a instalación de bandas redutoras da velocidade.

As empresas interesadas en facerse coas obras terán de prazo para presentar ofertas ata o 20 de agosto. Os pregos poden consultarse no perfil do Concello de Neda dentro da Plataforma de Contratación do Sector Público.

Deja un comentario