Tuesday 18 de August de 2026

Un roteiro pola memoria para conmemorar en Ribeira o Día da Galiza Mártir


O Bloque Nacionalista Galego e Galiza Nova conmemoran este mércores, 19 de agosto, o Día da Galiza Mártir coa celebración dun roteiro pola memoria, un acto aberto á participación da veciñanza co que se pretende manter viva a lembranza das vítimas da represión e render homenaxe a todas aquelas persoas que loitaron pola liberdade e pola democracia. O roteiro percorrerá diferentes espazos da vila vinculados á memoria de Alexandre Bóveda, Manuel Lustres Rivas e das vítimas da ditadura.

O evento dará comezo ás 20:00 horas na rúa Alexandre Bóveda de Ribeira, onde terá lugar a primeira das intervencións previstas. A continuación, as persoas participantes desprazaranse en comitiva até a rúa Manuel Lustres Rivas, para continuar o roteiro e afondar na memoria e no significado das figuras ás que están dedicados estes espazos da vila. O acto rematará no Malecón de Ribeira, xunto á escultura en homenaxe ás vítimas da ditadura, onde se celebrará o peche desta xornada de lembranza e reivindicación.

As encargadas de realizar as intervencións nas primeiras paradas do roteiro serán as compañeiras do BNG Xana Ledo, Elsa Santamaría e Marián González. Xa no acto final, xunto á escultura ás vítimas da ditadura, intervirán o historiador Xan Hermida e o exalcalde de Ribeira e actual portavoz do BNG, Luís Pérez Barral.

Desde o BNG de Ribeira sinalan que a conmemoración do Día da Galiza Mártir constitúe unha oportunidade para manter viva a memoria das persoas que sufriron algún tipo de represión e de todas aquelas que loitaron pola liberdade e pola democracia. Segundo o responsable local Rafa Pazos, “honrar a súa memoria é tamén reivindicar valores democráticos fundamentais como a verdade, a xustiza e a reparación, así como o compromiso colectivo coa garantía de que a intolerancia, a persecución e a violencia política non volvan repetirse nunca máis”.

Con este roteiro, o BNG de Ribeira quere convidar á veciñanza a participar nun acto de memoria, recoñecemento e compromiso democrático, percorrendo lugares da vila que permiten achegarse á historia e lembrar que a defensa da liberdade e da democracia tamén pasa por non esquecer a quen padeceu a represión.

O roteiro pola memoria será tamén unha forma de percorrer a historia de Ribeira e de Galiza, poñendo nome e rostro a quen padeceu represión e de reivindicar que a súa loita non caeu no esquecemento, porque lembrar é asumir a responsabilidade de construír un futuro mellor, facendo avanzar a esa Galiza viva, forte e xusta que queremos.

Deja un comentario