– Os participantes na competición tomarán a saída o vindeiro xoves, 17 de setembro.
– As inscricións para o campionato de España xa están abertas.
A organización do 10º Repsol EcoRallye A Coruña está a ultimar todos os detalles para poñer en marcha unha edición especial: a do décimo aniversario.
Nesta edición tan sinalada, na que se cumpren dez anos de compromiso co motor e as enerxías alternativas, a proba consolídase como unha das citas de referencia dentro do panorama do automobilismo sostible a nivel internacional, contando coas primeiras espadas a nivel internacional da categoría. A cita coruñesa revalida ademais a súa presenza na prestixiosa FIA Eco Rally Cup por terceiro ano consecutivo, un certame reservado unicamente ás probas do máximo nivel mundial de mobilidade eficiente.
No que respecta ao Campionato de España de Enerxías Alternativas (CEEA), os equipos interesados en disputar a proba xa poden formalizar a súa solicitude de participación. O prazo de inscrición para a categoría nacional permanecerá aberto ata o próximo 11 de setembro —uns días despois do peche fixado para a copa internacional FIA, programado para o 4 de setembro—.
O boletín oficial de inscrición está dispoñible para a súa descarga no taboleiro de anuncios dixital aloxado na web oficial do evento (www.ecorallyeacoruna.com). Toda a información técnica, os regulamentos e os avisos oficiais da carreira tamén se xestionarán en tempo real a través da aplicación móbil Sportity, utilizando a clave de acceso REPSOLERAC2026.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.