Tuesday 18 de August de 2026

O mago nedense Dani García presenta este xoves “Flash” na contorna do albergue de peregrinos


O Concello de Neda programa para este xoves, 20 de agosto, a partir das 20:30 horas, unha nova entrega do ciclo de lecer ao aire libre “Miúdo verán”. Desta volta, o público poderá desfrutar do espectáculo “Flash” do mago nedense Dani García. Inicialmente anunciárase “Tin” que, por imprevistos de última hora, houbo que substituír. Trátase dunha proposta gratuíta, pensada para desfrutar en familia.

A contorna do albergue de peregrinos é o escenario para a actuación na que o ilusionista local traerá á vila a montaxe na que se mete no papel dun fotógrafo ambulante de hai máis dun século, que viaxa coa súa cámara de fol, maletas cheas de segredos, e un oficio que hoxe soa case a maxia.
“Flash” desenvólvese como unha sucesión de escenas nas que a maxia, o humor e o teatro xestual se mesturan coa participación do público, especialmente das nenas e nenos, que pasan de ser espectadores a protagonistas.

O programa Miúdo verán é froito da colaboración entre o Concello de Neda e a Xunta de Galicia, a través de Agadic, no marco das iniciativas para dinamizar as distintas rutas xacobeas.

Deja un comentario