O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, informaba esta mañá polo miúdo aos representantes da oposición das causas e medidas adoptadas para facer fronte aos problemas no subministro de auga potable rexistrados a semana pasada na localidade. Ao encontro, convocado polo goberno local, sumáronse responsables na zona de Veolia, empresa concesionaria do servizo de abastecemento.
O rexedor municipal fixo repaso das incidencias rexistradas ao longo dos últimos días e debullou as xestións realizadas ata conseguir restablecer o servizo e, entre tanto, impulsar un subministro alternativo, por medio de camións cisterna e da distribución a domicilio de auga envasada. Ademais, incidiu no seguimento realizado por parte do SAF para evitar situacións de desprotección aos maiores en situación de dependencia.
Tal e como se explicou na reunión, por mor da seca, o Belelle deixou de aportar auga á rede de abastecemento local hai semanas. E dende entón, Neda depende exclusivamente da auga que chega das Forcadas, cunhas reservas mermadas. Por iso, os esforzos centráronse en reforzar a liña con Narón, avaliar a orixe da perda de presión que chega da cidade veciña e realizar conexións coa rede de Fene. Medidas que permitían o volver encher os depósitos municipais e recuperar o servizo. Con todo, a situación é feble e apuntan que un pico no consumo derivadas da produción de empresas naronesas pode chegar a volver a causar problemas no subministro municipal.
En resposta a preguntas formuladas pola oposición, o alcalde detallou o estado dos tres proxectos impulsados polo Concello no último ano para reforzar o subministro. As obras para recuperar o segundo depósito de auga dos Pazos, destinado a mellor a capacidade de almacenamento, están adxudicadas. O proxecto de sectorización da liña, crucial para detectar e resolver fugas ao longo da rede, está sendo revisado pola Deputación. E finalmente, o concello asumirá con fondos propios o aumento da capacidade de bombeo dende o Belelle ata a ETAP. Por último, sinalouse que se trasladará ao servizo de Intervención a posibilidade de compensar en próximas facturas aos abonados polos cortes.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.