A sondaxe municipal rexistrou 192 respostas con especial énfase na súa conversión en espazo multiusos
Dende o ente asociativo presentaron un documento participativo que conta con apoio popular, veciñal e asociativo
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, reuniuse con representantes da Asociación Social e Cultural Bandourrío para analizar conxuntamente os resultados extraídos da enquisa participativa focalizada no futuro espazo municipal da antiga fábrica de Cerqueira; unha sondaxe que rexistrou 192 respostas das que se extrae como principal actividade destinar a nave a espazo multiusos como motor de actividade municipal e lugar de encontro veciñal e actividade asociativa.
Considérase, así mesmo, que debe manter a identidade mariñeira de Ribeira ao constituír patrimonio industrial e conserveiro, preservando así a arquitectura e estrutura do edificio, así como formar parte dun amplo proxecto integrado que unifique e revitalice Bandourrío.
En definitiva, a idea xeral que se extrae deste cuestionario é que se manteña a esencia mariñeira, conserveira e industrial da antiga fábrica, pero converténdoa nun espazo vivo, multiusos, accesible e aberto á cidadanía con ampla oferta de actividade, en vez de limitarse a un único uso.
Unha resposta maioritaria en consonancia á proposta presentada tamén durante dita xuntanza por parte da Asociación de Bandourrío para a recuperación e posta en valor deste espazo que conta con máis de 1.200 sinaturas presenciais, máis de 750 apoios dixitais e máis de 30 achegas do tecido asociativo.
A súa iniciativa busca dotalo con equipamento municipal público, polivalente e flexible, capaz de acoller actividades culturais, sociais, formativas, deportivas, asociativas, comerciais e vinculadas á identidade mariñeira. Non se propón especializar o edificio nun único usos para que así poidan coexistir diferentes utilizacións ao longo de todo o ano.
En consecuencia, podería acoller mercados e feiras; concertos de pequeno e mediano formato; exposicións de gran formato; obradoiros, cursos e xornadas; ou cursos e xornadas e accións vinculadas á actividade turística; entre outros.
Sampedro reitera o compromiso do goberno municipal coa participación veciñal para a toma de decisións que atinxen ao seu día a día. “Cremos que a veciñanza debe formar parte activa da acción municipal, nesta ocasión, cun edificio emblemático como é Cerqueira de cara a revitalizar a zona de Bandourrío. Hai que escoitar para acertar. E este goberno é algo que demostra con accións.
Agradecemos o tempo dedicado pola sociedade ribeirense na participación desta enquisa. Son datos moi valiosos que nos axudarán cara o futuro uso da nave.”
A rexedora tamén gabou o traballo da Asociación Social e Cultural de Bandourrío. “Consideramos que a maneira correcta de proceder era compartir estes datos coa entidade desta zona. Xa coñeciamos a iniciativa que eles promovían e presentaron unha exhaustiva proposta para Cerqueira, tanto para o que supón para o propio inmoble como para a súa contorna próxima e, por suposto, para toda Ribeira.
Analizamos que o extraído da enquisa encaixa coa visión que eles tamén defenden. Porque Cerqueira ten futuro.”




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.