Tuesday 18 de August de 2026

Fene reivindica a memoria democrática no Día da Galiza Mártir cunha homenaxe a Ramón José Souto e a inauguración da exposición “Castelao e a maldición do franquismo”


A alcaldesa destacou que “a memoria é unha ferramenta para construír unha sociedade máis libre, máis xusta e máis democrática”

A xornada reuniu representantes institucionais, entidades memorialistas, familiares e aos autores da exposición, que poderá visitarse até o 27 de agosto

O Concello de Fene conmemorou esta mañá o Día da Galiza Mártir cun acto institucional que combinou a inauguración da exposición “Castelao e a maldición do franquismo” e a tradicional homenaxe a Ramón José Souto González, alcalde de Fene asasinado pola ditadura franquista tras o golpe de Estado de 1936.

A xornada comezou na Casa do Concello coa apertura da mostra promovida por Emisoras Municipais Galegas, na que participaron a alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, representantes das entidades colaboradoras e os autores da exposición, a profesora Anxos García Fonte, responsable do guión, e o ilustrador Carlos Sardiña, autor do deseño.

Na súa intervención, a alcaldesa destacou que “a memoria democrática non consiste só en lembrar o pasado, senón en comprender de onde vimos para defender con máis forza os valores que sustentan a nosa convivencia”. Permuy sinalou que “cada xeración ten a responsabilidade de transmitir ás seguintes o valor da liberdade, da democracia e dos dereitos conquistados, porque só desde o coñecemento da historia podemos evitar que se repitan os erros do pasado”.

A rexedora subliñou tamén que “Fene é un concello comprometido coa memoria democrática e co recoñecemento das persoas que sufriron a represión franquista, convencidos de que lembrar é tamén un acto de xustiza”.

O acto contou tamén coa intervención do sociólogo e ensaísta Manuel Monge, quen ofreceu unha reflexión arredor da importancia da memoria democrática e do significado histórico da figura de Castelao e da represión franquista en Galiza. Na súa intervención puxo en valor a necesidade de preservar e divulgar este legado como ferramenta para fortalecer o pensamento crítico das novas xeracións.

Tras a inauguración da mostra, a comitiva desprazouse ata o espazo dedicado a Ramón José Souto, onde se celebrou a tradicional homenaxe ao que foi alcalde de Fene durante a Segunda República e unha das vítimas da represión franquista.

Durante o acto lembrouse a súa figura como representante da legalidade democrática e símbolo de todas aquelas persoas que foron perseguidas, represaliadas ou asasinadas tras o golpe militar de 1936. A alcaldesa destacou que “Souto representa a dignidade das institucións democráticas e o compromiso co servizo público, mesmo nos momentos máis difíciles da nosa historia”.

Exposición aberta até o 27 de agosto

A exposición “Castelao e a maldición do franquismo” propón un percorrido pola historia da Galiza do século XX a través da figura de Castelao, abordando o golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil, a represión franquista, o exilio e as consecuencias da ditadura sobre a sociedade galega.

A mostra poderá visitarse na Casa do Concello ata o vindeiro 27 de agosto, en horario de 10.00 a 14.00 horas.

Con esta programación, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa memoria democrática, coa divulgación da historia recente e co recoñecemento das persoas que loitaron pola liberdade, a democracia e a xustiza social.

Deja un comentario