Tuesday 18 de August de 2026

Castiñeiras celebra as súas festas do verán do 21 ao 23 de agosto


 Un catamarán volverá saír coa Virxe do Carme en procesión

O verán é sinónimo de festas e cada parroquia e lugar de Ribeira enxalza a súa idiosincrasia nestas datas.

A parroquia de Castiñeiras mergúllase en tres días de festexos do 21 ao 23 de agosto, cunha programación na que destaca o acto de colocación da estrela no paseo da fama en homenaxe á nadadora María Vilas, a gran sardiñada e a procesión marítima na honra da Virxe do Carme. Así o desvelaron o concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes; o edil de Deportes, Álex Vidal; Manolita Vidal, como organizadora; e Beatriz Rodríguez, como colaboradora.
“O ambiente festivo segue imperando en Ribeira e agora é a quenda de Castiñeiras. Tres días de música, de compartir momentos e desfrutar das nosas tradicións. Quero agradecer ás organizadoras desta celebración por manter vivo o espírito festivo desta parroquia.

Durante o verán case non hai semana que non teñamos algunha das nosas parroquias ou lugares en festa. E dende o Concello de Ribeira apoiamos a nivel económico e loxístico estes eventos que contribúen a que fagamos comunidade”, manifesta Abraldes.

As bombas de palenque na mañá do venres 21, ás 10.00 horas, anunciarán o inicio das festas para, xa pola tarde, ás 20.00 horas, asistir á misa en honor ao Sagrado Corazón de Jesús e, pola noite, das 22.30 horas en diante, bailar con MG, DJ Iván Mata e DJ Maverick.

O groso das actividades concentrarase no sábado 22. A parroquia amencerá coas tradicionais bombas de palenque, ás 10.00 horas, e as alboradas do grupo de gaitas Salgueiriños soarán polas rúas a partir das 12.00 horas. O acto de colocación da estrela en homenaxe á nadadora María Vilas Vilas no paseo da fama celebrarase ás 13.00 horas e, deseguido, comezará a gran sardiñada no porto amenizada por Salgueiriños, ás 13.30 horas. A rapazada terá ocasión de desfrutar dos inchables e da escuma dende as 17.00 ata as 20.00 horas e tamén haberá oco para o deporte co partido de fútbol de solteiros contra casados nas pistas de Punta do Castro, ás 18.00 horas. O oficio relixioso desta xornada estará dedicado a San Cristovo, ás 20.00 horas, con bendición de vehículos no adro da igrexa. Planet Discomóvil, Mateo Abelleira e o grupo EVA-10 serán os encargados de facer desfrutar ao público coa súa música das 22.30 horas en diante.

As bombas de palenque volverán soar no domingo 23 para anunciar o derradeiro día de celebracións e as alboradas de Salgueiriños percorrerán novamente a parroquia. Ás 11.00 horas oficiarase a misa solemne na honra da Virxe do Carme, cantada polo Coro Parroquial Bon Pastor de Castiñeiras e coa participación dos Salgueiriños.

Despois da procesión terrestre, arredor das 12.30 horas, un catamarán navegará as augas por segundo ano consecutivo coa imaxe relixiosa e procederase coa ofrenda floral na memoria de tódolos mariñeiros falecidos. A organización repartirá ás entradas de acceso ao catamarán media hora antes do inicio da misa, ás portas da igrexa parroquias, e ata completar a capacidade do barco.

Deja un comentario