• O Concello adianta o inicio da actividade, que forma parte do programa municipal de envellecemento activo Remocea e que se desenvolverá todos os domingos ata xuño
• O baile do 27 de setembro trasladarase á parroquia de Goiáns para dar a coñecer entre a veciñanza as instalacións do centro social inaugurado recentemente en Xoane
A música e o baile regresarán en setembro a Carballo. A Concellería de Educación e Terceira Idade porá en marcha o domingo 6 de setembro unha nova temporada dos bailes incluídos en Remocea, o programa municipal de envellecemento activo, que reúne diferentes propostas destinadas a favorecer unha vida activa, autónoma e participativa entre as persoas maiores.
Este ano, a temporada de bailes comeza antes do habitual, e aproveitamos xa o primeiro domingo do mes para volver á pista de baile. A partir de aí haberá baile todos os domingos ata o mes de xuño. As sesións desenvolveranse habitualmente no mercado municipal, de 18.00 a 21.00 horas e con entrada libre. Aínda que as persoas maiores constitúen o público principal da iniciativa, os bailes están abertos a toda a veciñanza e a todas aquelas persoas que queiran achegarse a gozar da música e bailar.
A programación mantén unha das características que definen esta proposta: todas as sesións contarán con música en directo. A Concellería continuará apostando, ademais, por artistas e formacións da contorna, contribuíndo a ofrecerlles espazos de actuación e a poñer en valor o talento musical máis próximo.
Un domingo de baile en Goiáns
Outra das novidades chegará o 27 de setembro, cando o baile sairá excepcionalmente do mercado municipal e se trasladará ao centro social de Xoane, na parroquia de Goiáns. A sesión permitirá que as persoas participantes coñezan e gocen dun equipamento municipal inaugurado recentemente e que constitúe un novo espazo de encontro para a veciñanza da parroquia.
O Concello aproveita así unha actividade consolidada e participativa para achegar tamén a programación de Remocea ás parroquias e contribuír a dar vida aos espazos de convivencia veciñal.
A programación do primeiro mes da temporada queda configurada do seguinte xeito:
• 6 de setembro: Martín Carrión. Mercado municipal.
• 13 de setembro: Trío Digital. Mercado municipal.
• 20 de setembro: Dúo Nuevo Siglo. Mercado municipal.
• 27 de setembro: Dúo Marineda. Centro social de Xoane-Goiáns.
Todas as actuacións celebraranse de 18.00 a 21.00 horas e serán de acceso libre.
Os bailes son unha das propostas de Remocea para promover o envellecemento activo desde unha perspectiva que vai máis alá da actividade física. O programa aposta tamén pola socialización, a participación e a creación de espazos nos que as persoas maiores poidan relacionarse, manterse activas e compartir tempo de lecer.
Co inicio da programación o 6 de setembro, o Concello abre unha nova temporada que continuará, domingo tras domingo, ata o mes de xuño.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.