Este luns, 17 de agosto, dará inicio a cuarta e última quenda, ‘Makers Avanzados’, coa que se pechará un verán de pleno absoluto no programa municipal
A Aula CeMIT do Concello de Carballo completou este venres a terceira quenda da súa programación de campamentos tecnolóxicos de verán, integrados no proxecto municipal Talento km 0, financiado pola Unión Europea. A iniciativa mantén o seu éxito de convocatoria cun cheo absoluto nas catro quendas ofertadas para este verán.
Nesta terceira etapa, titulada Futuros Makers, nenos e nenas de 11 e 12 anos afondaron durante dúas semanas en contidos de vangarda como o deseño 3D, a robótica con sensores e a introdución ás aplicacións da intelixencia artificial, combinando a aprendizaxe técnica co traballo cooperativo e a resolución de retos.
Para celebrar a fin do curso realizouse o habitual acto de entrega de diplomas, que contou coa participación da concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Angeles Pacoret, e da técnica responsable da Aula CeMIT, Milagros Antelo, xunto coa monitora da actividade, Lidia Noelia Esmorís. As tres felicitaron á rapazada, á que lle souberon a pouco estas dúas semanas, polos proxectos desenvolvidos ao longo do campamento.
Sen pausa na actividade formativa da Aula CeMIT, este luns 17 de agosto arrincará a cuarta e última quenda do verán, Makers Avanzados. Esta última etapa, dirixida a mozos e mozas de 13 e 14 anos, estará centrada en áreas clave para o contorno dixital actual como a edición de vídeo, a creación de páxinas web, a ciberseguridade e o uso responsable da tecnoloxía.
Con este derradeiro grupo, o Concello de Carballo completará unha intensa programación estival orientada a fomentar o talento local e achegar as novas tecnoloxías á mocidade do municipio.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.