Tamén se celebrará a gala aniversario de El Tomasón no 23 de agosto
Ribeira prepárase para despedir o mes de agosto bailando coa décimo sexta edición do festival de baile Salsa na Rúa que promove a Asociación Cultural Recreativa Haveira coa colaboración do Concello, e que se enmarca na programación da Fiestra da Cultura. Na presentación participaron a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, e representantes da referida entidade, concretamente, o seu fundador, Orlando González, e as alumnas, Celia Rodríguez, Lucía Torres, Daniela Laíño e Yanira Bouzón.
Segundo manifestou a edil, “serán varias xornadas na que o baile ao son de diferentes ritmos non será só un festival para o lecer. Será tamén momento para o encontro e para desfrutar da cultura, desta disciplina artística e do talento dos integrantes da escola de baile El Tomasón; unha entidade moi arraigada no noso municipio que neste ano celebra as súas vodas de prata, polo que poderemos festexalo con eles tamén en formato de gala.”
Pola súa parte, Orlando González destacou que este ano é a primeira vez que se conta con tanta participación.
O dito festival terá lugar no 28 e 29 de agosto, na rúa Alcalá Galiano, pola que pasarán 57 artistas de cinco escolas de distintos puntos da xeografía española e portuguesa, con talleres e shows de salsa, bachata, kizomba zouk e urban zumba, amenizado todo por DJ Gerardo e DJ Johnny.
No venres 28, o horario é de 17.00 a 21.00 horas para os talleres, e, de 21.00 a 01.00 horas, no caso do apartado social. Xa no sábado 29 volverán os talleres, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas; os shows, de 22.00 a 23.30 horas; e o apartado social, de 23.30 a 03.00 horas.
Gala do 25 aniversario
A maiores, a escola de baile El Tomasón cumpre un cuarto de século de paixón, baile e emoción, polo que organiza unha gala para o domingo, 23 de agosto, ás 20.00 horas, no Auditorio municipal de Ribeira. As portas abriranse a partir das 19.30 horas. Aquí levarán ao escenario un total de 18 bailes, con tódolos ritmos latinos. A entrada é gratuíta.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.