Antía Alberte denuncia que o estado da infraestrutura supón “un risco para a seguridade das persoas”
O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira presentou unha iniciativa no Concello para reclamar a reparación da pasarela, da rampla e dos demais accesos de madeira á praia da Corna, ante o deterioro que presentan numerosos elementos desta infraestrutura.
As concelleiras do BNG, Antía Alberte e Veva Betanzos, comprobaron de primeira man o estado da pasarela e dos accesos. Alberte alertou de que existen numerosas táboas deterioradas e mesmo podres, unha situación que, segundo sinalou, “non só afecta á conservación dunha infraestrutura pública, senón que supón un risco evidente para a seguridade das persoas que a utilizan”.
A situación foi posta en coñecemento do BNG por persoas usuarias da praia, que trasladaron a súa preocupación polo deterioro que sofre a pasarela. O problema quedou especialmente patente tras producirse un accidente o pasado 7 de agosto no que unha persoa caeu ao ceder unha das táboas da rampla de acceso, tendo que ser atendida inicialmente polo servizo de socorrismo para recibir atención.
“Non estamos a falar simplemente dunha táboa que necesite unha pequena reparación. Unha persoa sufriu unha caída porque a madeira cedeu, e iso debería ser máis que suficiente para que o Concello actuase de inmediato e non deixar durante semanas unha cinta como se fose a solución”, manifestou Antía Alberte. A edil nacionalista lembrou tamén que a praia da Corna recibe durante o verán centos de persoas cada día e que a pasarela constitúe unha infraestrutura fundamental para facilitar o acceso ao areal e garantir unhas condicións adecuadas de accesibilidade. “Precisamente nunha época de máxima afluencia de veciñanza e visitantes, o Concello ten que garantir un mantemento mínimo destes espazos”.
O mantemento unha prioridade do goberno de Luís Pérez
Desde o BNG lembran que durante o período no que Luís Pérez Barral encabezou o goberno municipal incrementáronse os orzamentos destinados ao mantemento das infraestruturas municipais e se reforzou tamén o persoal da brigada de obras para poder atender con maiores garantías as necesidades existentes nas diferentes parroquias.
Neste sentido, Antía Alberte destacou que “ sabemos que queda moito onde actuar como nesta zona e noutras por iso para nós o mantemento era unha prioridade dentro da acción municipal que faciamos porque permite evitar que pequenas deficiencias acaben converténdose en problemas maiores e, como neste caso, en riscos para a seguridade das persoas”.
A concelleira do BNG lamentou que agora importen máis outras cousas que atender as prioridades da veciñanza como os mantementos e a dotación de servizos básicos. “Gobernar é atender estas cousas por iso nós incrementamos os recursos económicos ao mantemento contratamos máis persoal para a brigada de obras, precisamente coa intención de contar cun Concello con maior capacidade para atender estas necesidades e non só poñer unha cinta e deixalo así durante semanas”, sinalou.
Inspección e substitución dos elementos deteriorados
A iniciativa presentada polo Grupo Municipal do BNG solicita, en primeiro lugar, a realización dunha inspección completa da pasarela, da rampla e dos demais elementos de madeira dos accesos á praia da Corna, co obxectivo de identificar todas aquelas táboas, elementos estruturais ou zonas que presenten deterioro ou poidan supoñer un risco.
Así mesmo, o BNG reclama que o Concello proceda á substitución inmediata das táboas e dos elementos deteriorados ou danados, garantindo que toda a infraestrutura quede en condicións adecuadas e seguras para o seu uso.
“É unha cuestión de seguridade e tamén de responsabilidade. O Concello ten a obriga de manter en condicións os seus equipamentos e actuar con rapidez cando existe un risco para a integridade das persoas”, concluíu Antía Alberte, quen reclamou ao goberno municipal que dea unha resposta inmediata a esta situación e execute as reparacións necesarias.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.