Con estes nomes é doado intuír que Maga e Croqueta non son nenas, senón cadelas que durante os próximos venres irán á escola canda o alumnado de 3º de educación infantil para aprender cos nenos e nenas e para que a cativería tamén aprenda con elas. A actividade denomínase Proxecto Peluche e está organizada polo departamento municipal de Igualdade a través de Libélula IAA co obxectivo de que a rapazada desenvolva as súas habilidades sociais. Por medio da interacción cos animais en distintas situacións, os nenos e nenas do primeiro curso do colexio de maioresexercitan a comunicación, a responsabilidade e, principalmente, a empatía… ese concepto que significa “poñerse no lugar da outra persoa” para saber o que sente e de que maneira lle poden afectar as nosas accións.
En cada sesión propóñenselles aos nenos e nenas retos moi sinxelos -case todos relacionados coa vida diaria- que deben resolver en grupo achegando ideas. As cadelas forman parte do grupo de traballo canda as súas guías e unha nena imaxinaria, Carla, que vén sendo un referente para os pequenos e pequenas sobre como deben actuar en distintas situacións.
“A actividade divídese en dúas partes. Unha é un conto protagonizado por Carla, que fai cousas coa colaboración dos animais, e a segunda son diferentes actividades onde os nenos aprenden a resolver distintas situacións apoiándose tamén nas cadelas, coas que se relacionan e comparten emocións”, explica a técnica de Igualdade, Verónica Rodríguez.
E é que, en esencia, as sesións están traballando constantemente as emocións e o seu control nunhas idades en que a vitalidade e as habilidades sociais adoitan bater entre si. O papel de Maga e Croqueta é servir de “catalizador emocional” posto que, como cadelas que son, teñen moita capacidade para sincronizar coas emocións infantís, algo que se traduce nos nenos e nenas nunha mellor xestión dos seus medos, dos impulsos, dar rabechas, etc.
As sesións do Proxecto Peluche, nas que participa a rapazada de entre 3 e 4 anos de idade desenvolveranse os venres ata o 3 de xuño desde as 12.30 até as 13.30h. A actividade conta con finanzamento da Deputación da Coruña.