Thursday 13 de August de 2026

Carballo converterase durante 13 días no centro de referencia do xadrez galego con tres competicións consecutivas


O alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro; Óscar del Prado, en representación do Club de Xadrez O Toque Xiria Carballo, e a nova promesa local Roi Bello presentaron hoxe unha programación que arranca este sábado en Razo

Carballo vivirá entre o 15 e o 27 de agosto trece días ininterrompidos de xadrez, cunha programación que abrangue desde a iniciación e as actividades abertas a todos os públicos ata a competición de máximo nivel.

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro; Óscar del Prado, en representación do Club de Xadrez O Toque Xiria Carballo, e o pequeno xadrecista Roi Bello, de só 7 anos, participaron hoxe na presentación das tres citas que converterán o municipio no principal punto de encontro do xadrez galego durante as vindeiras dúas semanas.
A programación arrancará este sábado a pé de praia coa I Xornada de Xadrez Eu quero Razo-Baldaio, continuará do 16 ao 21 de agosto co IV Maxistral Xiria Carballo e pecharase do 21 ao 27 co IX Aberto Concello de Carballo Clásico. Estas dúas últimas competicións disputaranse na planta alta do mercado municipal.

Daniel Pérez destacou na presentación que esta sucesión de actividades “demostra a capacidade que ten Carballo para acoller propostas deportivas moi diferentes e, neste caso, para combinar a promoción da base cun xadrez de altísimo nivel”. O alcalde salientou tamén a implicación do club, “que leva anos facendo un traballo extraordinario para que o xadrez siga medrando no noso concello e para situar Carballo no mapa das grandes competicións”.

No mesmo sentido manifestouse Daniel Barreiro, que ademais destacou o carácter aberto e interxeracional das actividades e a participación, ao mesmo tempo, de grandes mestres e aspirantes a títulos internacionais. “Esa combinación é precisamente unha das grandes fortalezas desta proposta”, apuntou.

Óscar del Prado puxo o acento no nivel deportivo que se poderá ver durante estes días e na consolidación das competicións organizadas polo club.

Roi Bello, sete anos e dez rivais á vez

Un dos protagonistas da presentación foi precisamente Roi Bello Nieto, unha das novas promesas do xadrez local. Con só 7 anos, este sábado asumirá un reto pouco habitual para un xogador da súa idade: disputar unha simultánea fronte a dez adversarios ao mesmo tempo.

A exhibición de Roi abrirá ás 11.00 horas a I Xornada de Xadrez Eu quero Razo-Baldaio e terá tamén un claro carácter divulgativo e de iniciación, especialmente dirixido a nenos e nenas, familias e persoas que se achegan por primeira vez a este deporte.

A súa presenza na presentación simboliza ademais unha das ideas que vertebran estes trece días de programación: a convivencia entre a canteira local e o xadrez de elite.

Despois da simultánea de Roi Bello, ás 12.00 horas, o mestre FIDE Xulio del Prado, campión de España sub-18 no ano 2023, protagonizará unha segunda gran simultánea fronte a 20 participantes.

Pola tarde celebrarase o I Torneo Eu quero Razo-Baldaio. A presentación será ás 16.15 horas e a primeira rolda comezará ás 16.30. A competición disputarase mediante sistema suízo a sete roldas, cun ritmo de 10 minutos máis 3 segundos de incremento por xogada.

O torneo está aberto a todas as persoas interesadas, sen necesidade de estar federadas, e a inscrición é gratuíta, cun límite de 40 participantes. Pode realizarse no correo xadrezcarballo@gmail.com ou no teléfono 617 234 393.
Haberá trofeos para os tres primeiros postos da clasificación xeral, para as categorías sub-14 e sub-10 e tamén para os mellores participantes locais.

Un Maxistral único en Galicia

Ao día seguinte, o domingo 16, comezará na planta alta do mercado municipal o IV Maxistral Xiria Carballo, que se prolongará ata o venres

21.
Será unha competición pechada para dez xogadores por invitación, na que sete aspirantes tratarán de conseguir unha norma de Mestre Internacional. Participarán tres grandes mestres de Bulgaria, Serbia e Armenia e xogadores de Portugal, Cuba e Galicia.
Entre os participantes figuran os grandes mestres Karen Movsziszian, Aleksa Strikovic e Vladimir Petkov, xunto a varios mestres FIDE e destacados xogadores galegos.

O Club de Xadrez O Toque Xiria Carballo destaca que se trata actualmente do único torneo destas características e deste nivel que se disputa en Galicia. A competición está patrocinada pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración do Concello de Carballo.

Un Aberto con 5.000 euros en premios

A última das tres grandes citas será o IX Aberto Concello de Carballo Clásico, que se disputará do 21 ao 27 de agosto, tamén no mercado municipal.

O torneo desenvolverase a nove roldas, repartirá 5.000 euros en premios e será valedeiro para normas de Gran Mestre e Mestre Internacional, así como para ELO FIDE de xadrez clásico.

Ademais, será puntuable para o XXXVII Circuito Galego de Xadrez e para o X Circuito Intercomarcal da Coruña 2026. As inscricións permanecerán abertas ata o día 20.

Con estas tres propostas, Carballo ofrecerá durante trece días unha programación que abrangue practicamente todas as vertentes deste deporte: iniciación, exhibición, competición popular, promoción da canteira e xadrez de alto nivel.

Deja un comentario