O acto celebrarase o luns 17 de agosto ás 13.00h no Salón de Plenos e continuará coa tradicional lembranza ao alcalde Ramón Souto
A mostra poderá visitarse até o até o 27 de agosto e propón un percorrido pola represión franquista en Galiza a través da figura de Castelao
O Concello de Fene celebrará o vindeiro luns 17 de agosto, ás 13.00 horas, os actos institucionais con motivo do Día da Galiza Mártir, unha xornada dedicada á memoria das vítimas da represión franquista e á defensa dos valores democráticos.
A programación iniciarase no Salón de Plenos da Casa do Concello coa inauguración da exposición “Castelao e a maldición do franquismo”, promovida por Emisoras Municipais Galegas, para continuar posteriormente coa tradicional homenaxe a Ramón Souto González, alcalde de Fene asasinado tras o golpe de Estado de 1936.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “o Día da Galiza Mártir é unha oportunidade para reafirmar o compromiso do Concello coa memoria democrática e co recoñecemento das persoas que sufriron a represión por defender a liberdade e os valores democráticos”. A rexedora subliñou que “lembrar figuras como Ramón Souto é tamén reivindicar a dignidade das institucións democráticas e o compromiso co futuro desde o coñecemento da nosa historia”.
Ramón Souto foi alcalde de Fene durante a Segunda República e converteuse nunha das vítimas da represión exercida pola ditadura franquista tras o golpe militar de 1936. A súa figura simboliza a persecución sufrida por numerosos cargos públicos e cidadáns comprometidos coa legalidade democrática e coa defensa das liberdades.
Un percorrido pola Galicia do século XX
A exposición “Castelao e a maldición do franquismo” ofrece unha aproximación ao contexto histórico do século XX en Galiza a través da traxectoria vital de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que serve como fío condutor para explicar o golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil, a represión franquista e as súas consecuencias sobre a sociedade galega.
Promovida por Emisoras Municipais Galegas, a mostra pretende divulgar a historia recente desde unha perspectiva galega, afondando na violencia exercida pola ditadura, a persecución política, o cárcere, o exilio e a emigración que marcaron varias xeracións de galegas e galegos.
O guión da exposición foi elaborado pola profesora Anxos García Fonte, mentres que o deseño corresponde ao ilustrador Carlos Sardiña. A mostra xa puido visitarse en Sainte-Maure-de-Touraine (Francia) e tamén na asociación O Pote de Maniños.
A exposición permanecerá aberta ao público do 17 ao 27 de agosto, en horario de 10.00 a 14.00 horas, na Casa do Concello.
Desde o Concello de Fene convídase á veciñanza a participar tanto na inauguración como na homenaxe a Ramón Souto e a visitar esta mostra, que pretende contribuír ao coñecemento da historia recente e á preservación da memoria democrática como ferramenta para fortalecer os valores de liberdade, xustiza e convivencia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.