Thursday 13 de August de 2026

Arranca a Artemar de Ribeira con preto dun cento de postos e unha programación cultural ampla e variada


 Durante catro xornadas haberá funcións infantís, animación de rúa e espectáculos nocturnos

Ribeira da a benvida á décimo novena edición da feira Artemar que se desenvolverá no centro da cidade ata o 16 de agosto, con preto dun cento de stands de venda de produtos, ademais de funcións infantís, animación de rúa e espectáculos nocturnos. A rúa de Galicia volve ser a arteria principal, se ben, se incorpora un tramo de Rosalía de Castro e a contorna da praza do Concello; todas elas engalanadas con decoración que alude á temática mariñeira como redes ou apeiros de pesca, predominando as cores branca, vermella e azul.

As compañías que se encargaron de animar o ambiente polo centro da cidade nesta primeira xornada foron O mergullador aventureiro, O lume do océano, Ruxen as ondas, Tormenta de lume, Ao compás das mareas e Capitán en apuros.

Concurso de Decoración de Establecementos

O Concello de Ribeira convoca un Concurso de Decoración de Establecementos para que a temática mariñeira chegue a cada recuncho. Poden participar tódolos negocios da cidade sen necesidade de inscricións. Os locais mellor valorados elixiranse por votación popular, acudindo á oficina de Turismo do Malecón e cubrindo unha papeleta cos datos. Os tres establecementos mellor valorados recibirán un agasallo e sortearase outro entre tódalas persoas que votaron.

Horario da feira

Esta edición abriu as súas portas na tarde deste xoves 13, con peche á medianoite. No venres 14, sábado 15 e domingo 16, abrirá de 12.00
a 14.30 horas e de 18.00 horas ata a medianoite.

O recuncho de xogos (gratuíto) da praza de Porta do Sol está operativo de 12.00 a 14.30 e de 18.00 a 22.30 horas. En canto aos xogos infantís (tamén gratuítos e en dito espazo), desenvólvense de 12.00 a 14.30 e de 18.00 a 21.30 horas.

As ecoatraccións repartiranse por toda a feira, de 12.00 a 14.30 e de 18.00 a 22.30 horas.

O horario para os talleres demostrativos participativos, na praza de Concello, é de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas.

E o photocall mariñeiro permanecerá dispoñible durante tódalas xornadas.

Deja un comentario