Por mor da situación de seca que estamos a vivir, o río Belelle deixou de aportar auga a ETAP de Neda. E o subministro alternativo dende Narón é intermitente, debido ao elevado consumo rexistrado na liña, resultando dende onte insuficiente para encher o depósito que abastece ás zonas altas do Concello.
Por este motivo, segue interrompido o subministro de auga potable en lugares como Puntal de Arriba, A Silva, Fábrica do Monte, A Mourela, Escorial, Cruz do Pouso, Maciñeira, Roxal e boa parte de Casadelos.
Veolia, empresa concesionaria do servizo de augas, traballa para finalizar hoxe mesmo unha nova conexión coa traída de Fene na zona de Conces, co obxectivo de que entre máis auga na localidade.
A empresa recibía a media tarde a autorización de Sanidade para mobilizar un camión cisterna de 25 m3, que se prevé situar este xoves ao longo da mañá na contorna do centro de saúde para que a veciñanza afectada que non dispoña de pozo poida achegarse con garrafas a por auga.
O Concello de Neda prevé activar tamén este xoves un sistema de reparto de auga envasada entre aqueles abonados que non poidan desprazarse ata Albarón, unha vez que o camión cisterna estea operativo.
A administración local prohibe o uso de auga potable para encher piscinas, facer baldeos, regar xardíns, lavar o coche na casa… En definitiva, calquera uso non esencial. Ademais, rógase un consumo responsable no fogar e en instalacións públicas como o albergue de peregrinos.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.