Friday 22 de November de 2024

A biblioteca de Ordes abre a súa mostra temática sobre Manuel María Fernández Teixeiro


A biblioteca de Ordes vén de abrir ao público a mostra temática sobre Manuel María Fernández Teixeiro, poeta a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. A través de numerosos paneis os asistentes poden facer un percorrido pola súa traxectoria literaria, ademais de poder coñecer os fondos e textos elaborados polo autor a través dos libros que pertencen ao fondo da propia biblioteca. A mostra permanecerá aberta ao longo da vindeira semana.

Outros actos de carácter familiar previstos para conmemorar o Día das Letras Galegas son a cita musical ‘O gaiteiro cabezudo’, a cargo do grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes (venres, 20 de maio, ás 18.30 horas). Tamén, na casa da cultura, a representación da obra teatral ‘Pavillón Lino’ (sábado, 21 de maio, ás 19 horas).

Para a posta en marcha deste programa o Concello de Ordes conta coa colaboración e o financiamento da Xunta de Galicia, dentro do seu programa Ler conta moito. Tamén coa Deputación da Coruña, a través do programa DAC_EstadíasColón.