Wednesday 12 de August de 2026

Cortes de auga en distintas zonas de Neda pola seca


As medidas postas en marcha para facer fronte á seca e garantir o subministro aos fogares, lamentablemente, non abondaron. E así, ante a imposibilidade de encher coa auga procedente de Narón e con cisternas o depósito dende o que se abastece ás zonas altas do municipio, o Concello de Neda informa da interrupción no abastecemento nos lugares como O Puntal de Arriba, A Silva, Fábrica do Monte, A Mourela, Escorial, Cruz do Pouso, Maciñeira, O Roxal, Casadelos (zona alta).

A administración local traballa a estas horas na busca alternativas para facer fronte ao problema. Tramitouse xa ante Sanidade o permiso para poder botar man dun camión cisterna para distribuír auga potable a aqueles veciños e veciñas que carezan de pozo. Unha medida acordada coa empresa concesionaria do servizo, que terá que esperar polo certificado da Xunta de Galicia.

En paralelo, estase a facer acopio de auga envasada para poder poñer en marcha, se os problemas persisten, un sistema de reparto para persoas que non poidan desprazarse.

Deja un comentario