Saturday 16 de November de 2024

Charlas informativas sobre o PXOM de Ordes


Santa Cruz de Montaos, Mesón do Vento e Ordes acollerán encontros entre a veciñanza e o equipo redactor para solventar calquera dúbida e ampliar información sobre o proceso de elaboración do plan urbanístico

O Concello de Ordes ten organizadas unha serie de charlas por distintos puntos do municipio para informar sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal. A primeira delas terá lugar na parroquia de Santa Cruz de Montaos o vindeiro mércores, 18 de maio, no hotel Santa Cruz. A seguinte será na casa da cultura de Ordes o 23 de maio, pechándose o ciclo o 24 de maio na aula situada na nave de gando de Mesón do Vento. En todos os casos a hora está posta para as 20.30 horas, sendo o acceso libre para todas e todos os que queiran acudir.

Os encargados de aportar toda a información e datos referentes á elaboración do PXOM será os mesmos membros do equipo redactor. Tamén eles estarán a disposición dos veciños e veciñas para resolver calquera dúbida. Con todo isto o Concello pretende facilitarlle á veciñanza o coñecemento de cara ás dúbidas ou posibles alegacións no periodo de consultas do PXOM, o cal remata o día 30 deste mes.